A Asociación Camiña impulsa en Cervo unha nova actividade acuática para nenos e nenas con diversidade
A Asociación Camiña retoma este venres, 3 de outubro, a súa actividade na piscina municipal de Cervo cun programa especialmente deseñado para nenos e nenas con diversidade funcional. Trátase dun espazo de aprendizaxe, xogo e convivencia no que os participantes poderán gozar dunha experiencia enriquecedora tanto no plano persoal como social.
As sesións celebraranse cada venres do mes, en horario de 16.30 a 17.30, e estarán dirixidas por un monitor especializado. Grazas á colaboración do Concello de Cervo, a iniciativa contará cunha oferta adaptada a grupos reducidos e prazas limitadas, co obxectivo de garantir unha atención individualizada.
Desde a entidade organizadora destacan que a actividade achega múltiples beneficios: favorece o desenvolvemento social, estimula a creatividade e a imaxinación, contribúe ao benestar emocional e reforza tanto o desenvolvemento cognitivo como o motor.
O prezo da inscrición é de 8 euros ao mes para socios e 15 euros para non socios. As prazas xa están abertas e desde a asociación animan ás familias a inscribir os seus fillos para que non perdan a oportunidade de participar nesta proposta, que combina deporte, integración e diversión.