A Asociación Amigos dos Cans Foz: “O Perrotón será unha marcha benéfica a favor dos animais”
Por Ana Somoza López.
Como nace a Asociación Amigos dos Cans Foz?
A asociación nace a raíz dunha necesidade que nos atopamos sobre todo en épocas estivais e de vacacións cun número bastante amplo de xente con cans. Comezamos a darnos conta de que nos seus paseos cotiáns coincidiamos con moita xente que co paso do tempo non só saiamos a estes amplos campos para goce individual dono e mascota, senón que acabamos iniciando conversacións mentres os peludos xogan.
Nestas épocas que comentei antes é máis asiduo que pase xente ben por atallar ou ben por pasear, e claro, pois non a todo o mundo lle gusta. Nos queríamos ante todo sempre manter un respecto, que todos poidamos convivir en harmonía e xurdiunos a ídea de montar unha asociación. Un particular cedeunos unha parcela que tiña e cando nos demos conta xa dispoñíamos de estatutos, directiva e asociados, os cales non só residimos en Foz todo o ano senón que hai de moitas partes de España.
Que iniciativas ao longo destes anos destacaría?
As iniciativas eran moi sinxelas. Nun primeiro momento, era ter unha zona de tranquilidade para evitar conflitos ante a problemática que se puidera xerar polos cans. Fixemos magostos, xuntámonos previas as festas de Nadal para decorar a contorna e desexarnos felices festas, en verán son máis asiduas as xuntanzas por melloría do tempo e máis horas de luz.
A título persoal que lles reporta pertencer a Amigos Cans Foz?
Sen darnos conta caemos, para ben, nunha rutina de socializar tanto humanos coma cans que se vía bastante necesaria dadas as épocas que nos vimos obrigados a vivir a raíz da covid. Somos xente que ten a súa vida, pero coa diferenza desta responsabilidade de ter un animal que depende de nós, pois non temos porqué facelo sempre da mesma maneira senón que temos a opción de variar os paseos e ter un contacto. Sobre todo é unha maneira de discernir un pouco en compañía dos peludos.
Que actividades lles gustaría facer se tiveran un maior apoio?
Principalmente o que desexamos é dar visibilidade a que por ter mascotas non te podes ver limitado, que non ten por que ser un conflito entre persoas e debemos comportarnos como tales. Somos os primeiros que non nos gusta estar pendentes de por onde pisamos e en todos lados pódeste atopar de todo, pero non por mor dun se pode sentenciar a unha especie. Hai sitio para todos.
O Concello di que para o verán estará rematado o parque canino. Que lles parece? Era necesario?
Pois estupendamente ben, todo o que poida ser beneficioso para o pobo en conxunto benvido sexa. Vai enmarcado nun programa de recuperación de zonas verdes do Concello e a falta dunha zona específica para mascotas, que mellor cousa que esta. Particularmente como asociación claro que vemos necesario contar cun parque en condicións, específico para mascotas no que o primordial é o seu desfrute.
Que terá este parque canino?
O principal que terá será unha contorna segura ao aire libre. Contará cunha superficie ampla con peche perimetral e unhas estruturas de agility e servizos esenciais como son os puntos de auga adaptados e unha zona na que guarecerse os días que non acompañen.
En xuño fan o Perrotón. En que consiste?
Si. O 30 de xuño faremos o primeiro Perrotón ata agora coñecido na Mariña. Será as 10.30 horas con saída de praza Paseo de Colón, ao pe da Rapadoira. O Perrotón Vila de Foz xurdiu a raíz dos abandonos e maltratos animais en xeral, que sempre houbo pero que estas últimas tempadas dábanos a sensación de que cada vez máis estaban aparecendo casos. Nós como asociación de cans vimos a posibilidade de organizar algo no que puidéramos darlles visibilidade, fomentar as adopcións responsables e expresar dunha maneira deportiva e pacífica a nosa repulsa contra o maltrato.
Este vai consistir nunha marcha benéfica a favor dos animais pola contorna das dúas praias máis próximas ó casco urbano. Todo o recadado nas inscricións será doado a diferentes protectoras de animais da zona xa que tamén observamos que se ven moitas veces con dificultades para afrontar dun xeito altruísta as costas que requiren. Entón dixemos que da maneira máis factible posible dentro das posibilidades que nos permita a aceptación deste evento, axudaríamos a cantas máis protectoras posibles se poida.
Quen se pode anotar?
No Facebook Asociación Amigos dos Cans Foz está publicado o cartel para inscribirse ou solicitar mais información e nesa páxina de Facebook iremos colgando máis novidades que temos en proxecto facer para ese día e previos para a xente que non poida participar o 30 de xuño e queira colaborar doutro xeito. Non facemos ningún tipo de distinción, toda persoa que queira participar será benvida, teñan mascota ou non. O principal é dar visibilidade a esa problemática do abandono e a repulsa ó maltrato animal e poder recadar o máximo posible para cantas máis protectoras poidamos axudar mellor.