A Asociación Amigos do Camiño do Mar culmina a peregrinación a Compostela e pide o recoñecemento oficial

A praza do Obradoiro foi este domingo 25 de maio o punto final da peregrinación da Asociación de Amigos do Camiño do Mar. Os participantes culminaron unha nova edición do proxecto “Concello a Concello 2025” tras máis de dous meses de marcha e 280 quilómetros a pé entre Ribadeo e Santiago, seguindo unha antiga ruta xacobea esquecida durante séculos e que, grazas ao labor da entidade organizadora, volve recuperar o seu pulso histórico.
A última etapa, entre Sigüeiro e Santiago, foi especialmente emotiva para o grupo de peregrinos. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, recibiuos con agarimo antes da súa entrada á praza, mostrando un ano máis o seu apoio explícito á ruta. “Queremos agradecerlle que nos agendase un domingo e nos acompañase nesta chegada tan especial”, destacou o presidente da asociación, Manuel Vicente. Villares asinou tamén no libro-manifesto de apoio á ruta, un dos dous volumes que a asociación foi construíndo ao longo da andaina e que recompilan sinaturas de alcaldes, cronistas, párrocos, empresarios, o bispo da Diocese de Mondoñedo-Ferrol e os propios peregrinos.
O grupo entregou un dos libros ao conselleiro co compromiso de que chegue á Presidencia da Xunta. “É un xesto simbólico pero con carga institucional que busca visibilizar a nosa demanda principal: que o Camiño do Mar sexa recoñecido oficialmente como ruta xacobea”, explicou Vicente. O outro volume, ilustrado con debuxos feitos polos participantes, será custodiado pola asociación como memoria desta edición.
Durante o percorrido, os peregrinos atravesaron comarcas como A Mariña Lucense, Ortegal, Ferrolterra, Eume, Betanzos e Ordes, descubrindo vilas e lugares de gran valor patrimonial, paisaxístico e histórico. “Foi unha experiencia fantástica, tanto para os que repetían como para os que viñan por primeira vez. Descubrimos non só o territorio, senón tamén a historia e o espírito de convivencia que inspira o Camiño de Santiago”, resumiu o presidente da entidade.
O proxecto “Concello a Concello” permitiu, un ano máis, difundir o trazado e a riqueza do Camiño do Mar, que une tres dos grandes referentes espirituais da Galicia histórica: a Catedral de Santiago, a Basílica de San Martiño de Mondoñedo —a máis antiga de España— e o santuario de San Andrés de Teixido. “É tamén un camiño que pasa por recursos naturais de primeiro nivel, como a praia das Catedrais, e conecta a espiritualidade co respecto ao territorio”, reivindicou a asociación.
A pesar do descoñecemento que aínda pesa sobre esta vía milenaria, cada vez son máis os peregrinos de todo o mundo que se animan a percorrela. “Está a rexurdir do esquecemento grazas ao traballo colectivo de moitas persoas e entidades. Pero precisamos o apoio das administracións para consolidar esta recuperación”, advertiu Vicente.
Neste sentido, a Asociación de Amigos do Camiño do Mar insiste na necesidade de que a Xunta de Galicia recoñeza oficialmente esta ruta como parte da rede xacobea. “O Parlamento de Galicia xa se pronunciou, e agora é o momento de que a Consellería de Cultura e a Dirección Xeral de Patrimonio actúen en consecuencia. Non pedimos privilexios, só igualdade de oportunidades para as nosas comarcas fronte ás que xa contan cun Camiño recoñecido”, declarou Vicente.
A entidade tamén reclama máis coidado, sinalización e atención por parte das administracións para garantir a acollida aos peregrinos e o mantemento do patrimonio vinculado á ruta. “Queremos que o territorio e a súa xente sexan bos anfitrións. Estamos a falar dunha oportunidade de desenvolvemento sostible, de cultura, de historia e de comunidade”, sinalan desde a organización.
Aínda que a edición 2025 rematou, xa están a preparar a seguinte. “Non imos parar. Temos accións programadas e ideas novas para continuar construíndo o futuro do Camiño do Mar. Esta edición foi só un chanzo máis na nosa andaina colectiva”, concluíu Manuel Vicente.