A Madanela de Remourelle prepara unha nova edición da Festa da Carne ao Caldeiro en Ribadeo
Remourelle prepárase para celebrar este sábado a décimo sétima edición da Festa da Carne ao Caldeiro. A cita comezará ás 14.00 horas coa actuación do Dúo Belinda, que virá seguido do xantar da carne ao caldeiro. Os pratos comezaranse a servir a partir das 14.30 horas.
O menú inclúe empanada e polbo, carne, cachelos, pementos de Padrón, sobremesa e café. Os tíckets teñen un prezo de 30 euros e de 15 para os nenos de ata 12 anos. Os menores de 6 comen de balde. Pola tarde a música tampouco vai a faltar. Dende as 18.30 ata as 22.30 horas os asistentes poderán gozar da actuación do Dúo Belinda e da actuación de Mercedes Ben Salah a partir das 20.00 horas. Ademais, tamén celebran un torneo de bolos. A festa está organizada pola asociación veciñal A Madanela Remourelle coa colaboración do Concello de Ribadeo e da Xunta de Galicia.
O rexedor cre que “é moi importante resaltar estas celebracións, darlle valor a un produto que detrás del hai moitísimo traballo de moitos gandeiros. E dende logo nós, como Concello, queremos seguir colaborando con eles. É unha celebración onde se quere poñer en valor unha forma de vida, que é o gandeiro; un produto, que é a carne de tenreira galega; e nesa celebración tamén vai haber momento para xogar aos bolos, como se leva facendo hai moito tempo, e dende o Concello colaboramos con eles, e tamén a cooperativa Clun nestes momentos quixo colaborar con eses trofeos, poñendo en valor os produtos lácteos e cárnicos”.
Vega considera que “se está facendo moi ben esta celebración. A asociación de veciños de Remourelle está traballando moito, tanto Mari Toni como Alberto como Suso … Creo que todos os que levan toda a vida organizando esta celebración seguen facéndoo ben, pero hai que destacar que xa hai relevo xeracional e polo tanto estase garantindo que tanto Remourelle como os seus veciños teñan actividades e esta celebración tan importante como é a Festa da Carne ao Caldeiro, esa degustación da carne tenreira de Galicia, que é tan boa e con tanta calidade”.