A área de Portochao, en Viveiro, contará con área para autocaravanas

AMariñaXa
Vaise crear unha área de autocaravanas e furgonetas camper en Portochao, na finalización do paseo fluvial do Landro, en Viveiro
portochao viveiro autocaravanas
16 Xuño 2021

Vaise crear unha área de autocaravanas e furgonetas camper en Portochao, na finalización do paseo fluvial do Landro, en Viveiro, trala aprobación da proposta presentada polo BNG no Pleno.

O turismo en autocaravana está totalmente en auxe sendo unha necesidade ampliar a oferta para este sector, "esta foi unha proposta con moi baixo custo de implementación neste espazo que xa conta con infraestruturas básicas, sendo tan só necesario un pequeno sistema para a recollida e baleirado de augas así como algunha toma de electricidade", din desde o BNG de Viveiro.

Míriam Bermúdez, a voceira nacionalista, destacou a importacia de consevar este espazo e que, en previsión dunha afluencia maior da recomendable, haberá que especificar que se trata dunha zona natural e residencial coa que compartir coa veciñanza, estudando incluso a posibilidade de establecer un número limitado de autocaravanas para a súa estancia.

Lembraron tamén que nun Pleno no 2018 propúxose a creación dun plan ambiental no que actuar ante a invasión de vexetación foránea ao longo de todo o paseo fluvial e en especial en Portochao, onde o "plumacho" está a invadir toda a zona, sendo necesario repoboar a contorna con árbores e arbustos autóctonos.

A moción contou co apoio de todos os grupos da corporación municipal agás o PP que optou por se abster, segundo eles, por non ter o informe dos técnicos municipais aínda despois de que lles fora confirmada a valoración positiva dos mesmos, posicionamento que non se sustenta ao non modificar os usos do lugar, nin como aparcadoiro nin como lugar de ocio.

0.19917917251587