A Área de Cultura moderniza o salón de actos do concello de Alfoz
Proximamente iniciaranse obras de mellora e dotarase de novo equipamento o salón de actos do concello de Alfoz. Estas melloras teñen como obxectivo o da modernización a nivel técnico pero tamén estético.
Ditas actuacións inclúen a pintura de todo o espazo, así como o vernizado do chan, colocación de paneis acústicos, instalación de novas liñas de luz, conexións a internet e aos diversos equipos de son e audiovisual, un completo equipamento informático, un novo proxector de última xeración, unha caixa escénica téxtil, etc.
A previsión da Área de Cultura é telo en funcionamento a mediados do mes de setembro para continuar ofrecendo un amplo e variado programa cultural en Alfoz cara ao último trimestre do ano.
O custo será asumido ao 50% polo Concello de Alfoz con fondos propios e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia a través dunha subvención solicitada e concedida para tal fin.
O salón de actos da casa da cultura é o epicentro cultural do concello de Alfoz, e por iso nel é onde se realizan numerosas actividades de teatro, música, maxia, conferencias, proxeccións cinematográficas, etc. pero tamén é un espazo aberto á veciñanza que as numerosas asociacións utilizan habitualmente.