A Apalpadora visitará hoxe Cervo e Viveiro
A Apalpadora pasará este luns por San Román de Vilaestrofe, en Cervo, e Viveiro da man da Deputación. As visitas forman parte da programación organizada pola área de Cultura co obxectivo de promover a presenza de tradicións propias na representación do Nadal, que inclúe 15 encontros nas distintas comarcas.
As citas serán no pavillón polideportivo de San Román de Vilaestrofe, en Cervo, ás 17.00 horas, coa colaboración da asociación veciñal da parroquia, e na sala da Biblioteca Municipal de Viveiro, ás 20.00 horas, coa colaboración da Asociación Centro Comercial Histórico.
A narradora Antía Vázquez, acompañada polo músico André Espiñeira, será a encargada de presentar as crianzas esta personaxe e as lendas que perviviron na memoria da xente do Courel e do oriente ourensán permitindo que, desde hai algo máis dunha década, asociacións e colectivos culturais popularizasen a súa figura.