A ANPA do CEIP Vista Alegre de Burela, referente en igualdade e educación en valores

AMariñaXa
A ludoteca impulsada polas familias exemplifica o impacto dos programas de coeducación apoiados pola Xunta
ANPA-del-CEIP-Vista-Alegre-de-Burela-promocion-igualdade-2026
10 Feb 2026

A ANPA do CEIP Vista Alegre de Burela consolidouse como un exemplo de implicación educativa e social grazas ao seu traballo continuado na promoción da igualdade e na prevención da violencia de xénero desde idades temperás. Así o puxo de manifesto a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana.

No encontro, Quintiana subliñou a vontade do Goberno galego de seguir reforzando a formación e a sensibilización en igualdade nos centros educativos, destacando o papel fundamental que desempeñan as ANPAS neste ámbito. Nese contexto, avanzou que a Xunta destinará este ano 400.000 euros a apoiar iniciativas promovidas polas asociacións de nais e pais, unha liña de axudas que vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia e que está financiada con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Estas subvencións permitirán desenvolver accións formativas e informativas dirixidas tanto ás familias como ao alumnado, coa previsión de chegar a arredor de 36.000 menores e 20.000 familias a través de 130 ANPAS de toda Galicia. As axudas poden acadar ata 3.000 euros no caso de solicitudes individuais e 6.000 euros para federacións ou confederacións, cun prazo dun mes para presentar as solicitudes a través da sede electrónica da Xunta.

A traxectoria da ANPA do CEIP Vista Alegre foi salientada como un modelo a seguir. No ano 2025 recibiu unha achega próxima aos 3.000 euros con cargo a estes fondos, grazas á cal desenvolveu o Programa Lúcido 2 en Igualdade. Este proxecto coeducativo estivo dirixido a familias e a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos, implicando a 220 familias e a 293 rapazas e rapaces.

Ao longo de trinta sesións, estruturadas en catro bloques de actividades, traballáronse os estereotipos de xénero e as distintas manifestacións da violencia presentes na sociedade, promovendo ferramentas para identificalas e fomentando relacións saudables, respectuosas e igualitarias desde a infancia. A directora xeral felicitou expresamente á ANPA polo “excelente traballo realizado” e polo impacto positivo das súas iniciativas tanto no alumnado como no conxunto das familias.

Durante a visita tamén se lembrou que a ludoteca do centro está financiada a través doutra liña de apoio da Xunta, neste caso con fondos do Plan Corresponsables, cofinanciados polo Ministerio de Igualdade e o Goberno galego, que permitiron destinar en 2025 preto de 13.000 euros a este servizo. Un recurso que reforza a conciliación e evidencia, unha vez máis, o compromiso da ANPA do CEIP Vista Alegre cunha educación integral baseada na igualdade e na corresponsabilidade.

⚙ Configurar cookies
0.085374116897583