A ANPA do CEIP de A Pontenova denuncia a eliminación dunha unidade de Educación Infantil

A Asociación de Nais e Pais do Alumnado (ANPA) do CEIP da Pontenova expresa a súa profunda preocupación pola decisión da Consellería de Educación, a través da Inspección Educativa, de suprimir unha das unidades de Educación Infantil no centro para o curso 2025-2026.
Ata agora, o colexio contaba con tres unidades de Infantil —4º (3 anos), 5º (4 anos) e 6º (5 anos)— organizadas nun modelo de agrupamento mixto que funcionou con éxito durante o curso pasado. Sen embargo, a última semana de xuño, tras o remate do curso, o centro recibiu unha chamada da Inspección informando da intención de separar ao alumnado de 5º curso (4 anos) para reestruturar os agrupamentos no próximo curso.
Esta medida, considera a ANPA, implica a eliminación dunha aula, a perda dunha mestra de Infantil e graves prexuízos para o alumnado, xa que rompe a continuidade educativa e emocional do grupo, incrementa a ratio de alumnos por aula e dificulta a atención personalizada nunha etapa fundamental para o desenvolvemento dos nenos e nenas.
Desde a ANPA lembran que esta decisión incumpre a Lei 5/2024, do 27 de decembro, que regula os ratios máximos en agrupamentos mixtos de Educación Infantil: 12 alumnos por aula para grupos con nenos de 3 anos e 14 para os de 4 e 5 anos. A proposta da Consellería supera estas cifras, evidenciando que o único criterio seguido foi o recorte de recursos, sen ter en conta o benestar do alumnado nin a realidade do centro.
A ANPA contactou co inspector educativo para reclamar o respeto ao acordo, pero unha semana despois recibiu unha resposta que confirmaba que a decisión xa estaba tomada e que as súas peticións foran ignoradas. Por iso, denuncian o desprezo ás familias, ao profesorado e, sobre todo, ao dereito a unha educación pública e de calidade para os nenos e nenas.
Ademais, alertan do abandono estrutural que sofre o centro, cuxas instalacións están deterioradas e precisan intervencións urxentes que a administración tamén está a desatender.
Por todo isto, a ANPA do CEIP de A Pontenova esixe:
- A mantención das tres unidades de Infantil para garantir a calidade educativa.
- O cumprimento inmediato do acordo de agrupamentos mixtos en todos os seus termos.
- A dotación axeitada de recursos humanos e materiais para atender o alumnado con dignidade.
A ANPA avisa que “non imos calar ante esta nova mostra de desprezo cara á educación pública no rural” e que “seguiremos loitando polos dereitos dos nosos fillos e fillas”.