A ANPA do CEIP Castro de Ouro inicia unha folga indefinida
A ANPA do CEIP Castro de Ouro inicia a súa folga indefinida en defensa dunha educación pública de calidade para o alumnado do municipio. O Concello de Alfoz manifesta o seu total respaldo ás medidas de presión promovidas pola ANPA xa que consideran "inadmisibles as recentes declaracións realizadas no Parlamento de Galicia polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, nas que se faltou á verdade sobre a situación do noso centro educativo, concretamente ao afirmar que este ano se destinou un docente de Audición e Linguaxe en lugar dun de Pedagoxía Terapéutica, recurso co que xa se contaba o curso pasado".
Dende o Concello fan un chamamento á Xunta de Galicia, e de forma particular a Sagrario Sánchez, xefa territorial de Educación en Lugo, "para que proporcione os recursos que demanda a veciñanza que representamos e unha resposta que estea á altura das necesidades reais do centro". A educación no rural non pode ser abandonada nin tratada con menosprezo, din, e este caso exemplifica "unha desatención grave que non podemos tolerar". Esperan que a Xunta entre en razón, "se poña do lado da cidadanía e proporcione os recursos necesarios para o correcto funcionamento do centro.
Se non se atenden estas xustas reclamacións con dilixencia, piden responsabilidades políticas ante o que consideran un caso de desatención nas súas funcións e un abandono do sistema educativo no rural. No último pleno municipal os tres partidos (PSOE, VIA Alfoz e PP) aprobaron por unanimidade unha moción na que se apoia á ANPA nas súas reivindicacións e se lle reclama á Xunta de Galicia o profesorado que lle corresponde ao colexio do noso municipio. "Non deixaremos de loitar polos dereitos dos nosos nenos e nenas", aseguran.