A ANPA do CEIP Castro de Ouro de Alfoz volve denunciar os agrupamentos e os recortes no centro
Celebrouse ás portas do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro de Alfoz a cuarta concentración organizada pola ANPA, xunto con pais, nais, veciños, mestres e outros membros da comunidade educativa. A concentración realizouse para seguir reivindicando o incumprimento por parte da Xunta de Galicia do acordo de agrupamentos para o colexio, así como a reposición da praza de especialista en Pedagoxía Terapéutica, que continúa sen cubrirse desde o comezo do curso.
A pesar da persistente mobilización e dos esforzos para visibilizar estas demandas, a falta de repostas da administración está acrecentando o descontento das familias. “A comunidade educativa mantén que estas demandas son esenciais para garantir unha educación de calidade no colexio”, indican desde a ANPA. Estas reclamacións trasladaranse tamén á sede do Parlamento de Galicia o mércores 9 de outubro cando o Grupo Parlamentario do BNG formulará unha pregunta ao
Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, sobre o incumprimento do acordo de agrupamentos e a falta de persoal especializado en Pedagoxía Terapéutica, “a pesares dos informes enviados dende a Dirección do centro”, recordan desde o colectivo.
A pregunta será formulada polo deputado Daniel Castro, e a comunidade educativa está expectante para coñecer as respostas que dará o conselleiro. No inicio do curso, a ANPA mantuvo unha reunión coa Xefa Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, “da que non obtivemos ninguna solución ás nosas demandas”, subliñan. Ademais, a ANPA enviou cartas tanto ao Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como ao Conselleiro de Educación e á Valedora do Pobo. “A única resposta oficial ata o momento foi a desta última, quen confirmou que está a estudar o caso, pero sen achegar aínda ningunha solución”, informan dende a ANPA.
As familias do CEIP Castro de Ouro consideran inxusto que, mentres noutros colexios galegos xa se están a cumprir os acordos de agrupamentos, en Alfoz sigan sen aplicarse, “a pesar de que en centros con situacións similares si se resolveron estas cuestión”, laianse desde a asociación. A ANPA reclama que se divida a educación primaria en tres agrupamentos, correspondentes a cada ciclo formativo, e que se repoña a praza de Pedagoxía Terapéutica.
Por outra banda, as centrais sindicais asinantes do acordo contactaron coa ANPA nos últimos días para informarlles de que están a analizar a situación e que, previsiblemente, nos próximos días darán a coñecer os pasos que seguirán para apoiar estas reivindicacións.
Consideran que, segundo o acordo de agrupamentos e a nova situación, o centro non só debería contar cun mestre máis de primaria, senón con dous, segundo o catálogo oficial. A ANPA asegura que continuará con accións reivindicativas ata que se resolvan estes problemas, pero manifesta que non desexa que estas concentracións se convertan nunha rutina. Por iso, á espera da resposta do Conselleiro o mércores, están a valorar novas accións para as vindeiras semanas que permitan que as demandas do CEIP Castro de Ouro sexan atendidas dunha vez por todas.