A ANPA do CEIP Castro de Ouro de Alfoz volve a manifestarse: "Vivimos unha situación inxusta"
A ANPA do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro organizou unha nova concentración diante do centro coa participación de pais, nais, alumnado e membros da comunidade educativa. Nela tamén participaron veciños e veciñas de Alfoz e concellos limítrofes, así como representantes políticos e sindicais. esta protesta, convocada para esixir o cumprimento do Acordo de agrupamentos a reposición da especialista en Pedagoxía Terapéutica (PT), súmase ás mobilizacións que levan sucedéndose desde o inicio do curso en defensa dos dereitos do alumnado.
Durante o acto, leuse un manifesto no que a comunidade educativa denunciou a inxusta situación que atravesa o colexio, marcada pola vulneración dos acordos que regulan os agrupamentos de alumnos e a falta de recursos esenciais para garantir unha educación de calidade. O manifesto subliñou dous puntos clave que veñen reclamando sen resolución por parte da administración como son a necesidade de crear unha unidade adicional en Educación Primaria, dado que o agrupamento actual de 1º, 2º e 3º de Primaria supera o número máximo de 12 alumnos, establecido no acordo asinado e publicado no DOG en xaneiro de 2024.
Tamén destacou a reposición inmediata dun especialista en Pedagoxía Terapéutica, fundamental para atender ao alumnado con necesidades educativas especiais, que hoxe non está a recibir o apoio que precisa. Segundo explicou a ANPA, “vivimos unha situación inxusta. Non só se están a vulnerar os dereitos dos nosos fillos, senón que tamén se está poñendo en risco o seu desenvolvemento académico e persoal. Non podemos seguir permitindo que se xogue co futuro dos nenos e nenas”.
Engaden que “non estamos a pedir privilexios, só pedimos que se respecte o acordado e que se dote ao noso centro dos recursos que lle corresponden segundo os acordos asinados. Ademais, non ter un especialista en Pedagoxía Terapéutica é inaceptable, sobre todo cando temos nenos que necesitan ese apoio.” As familias destacaron a importancia de actuar con urxencia para garantir o futuro educativo dos seus fillos e fillas e aseguraron que, de non recibir unha resposta adecuada, manterán as súas mobilizacións ata que as súas reivindicacións sexan atendidas.
No manifesto, fíxose fincapé na necesidade de que a Xunta de Galicia demostre o seu compromiso co rural mediante acción concretas que garantan servizos de calidade para evitar o despoboamento da zona. Ademais deste acto reivindicativo, a ANPA ven de enviar sendas cartas explicando a situación a Alfonso Rueda, Presidente da Xunta, e a Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, “solicitando que se revise a actual situación do centro e nos informen dos pasos que a Consellería vai tomar para resolver as nosas demandas”. Así mesmo, tamén fou remitida unha carta á Valedora do Pobo, “solicitanto o seu amparo e intervención
para garantir que o noso centro cumpra cos estándares de calidade e igualdade educativa”, indicas desde a ANPA.