A ANPA critica que a Xunta venda como solucións o que son só parches no colexio

A Asociación de Nais e Pais do Alumnado (ANPA) do CEIP Plurilingüe da Pontenova quere facer pública a súa preocupación polo estado de abandono que, segundo denuncian, sofre o centro educativo. A entidade considera “sorprendente” que a Consellería de Educación cualificase como unha resposta “áxil” as obras que se están a executar, lembrando que a aula de 6º de Primaria permanecía co teito caído desde decembro de 2024. “Se non fose pola presión das familias e da comunidade educativa, probablemente teriamos que lamentar unha desgraza”, lamentan.
Agradecen os traballos de reparación nos teitos e na rede eléctrica, pero subliñan que “os problemas son moito máis graves e numerosos”: ventás en mal estado, fendas estruturais, humidades, aseos insalubres, accesibilidade inexistente, cuberta deteriorada e chans en mal estado. Ante esta situación, esixen un compromiso oficial por escrito da Consellería que garanta o arranxo integral do edificio “coa máxima urxencia”. “Non é unha cuestión estética, falamos da seguridade e saúde do noso alumnado”, remarcan.
Por outra banda, desde a ANPA denuncian tamén a supresión dunha aula de Infantil derivada da nova lei educativa da Xunta. Explican que, a pesar do incremento constante na matrícula —que pasou de 69 alumnos antes da pandemia a 110 neste último curso—, a reestruturación de unidades obrigará a separar nenos e nenas sen ningún criterio pedagóxico. Critican que as decisións “se toman dende despachos afastados do rural” e acusan á Xunta de desatender as necesidades reais do alumnado.
A presidenta da ANPA, Iria Bermúdez Larrea, sinala que as familias continuarán mobilizadas para garantir “un centro digno, seguro e xusto para as nosas fillas e fillos”.