A alcaldesa pide que se cubran as baixas do centro médico de Viveiro

AMariñaXa
María Loureiro considera “moi grave e un risco para a saúde dos veciños” a situación do centro de saúde, “sen citas para atención primaria en xuño”
centro-saude-viveiro
6 Xuño 2024

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, considera “moi grave e un risco para a saúde dos veciños” a situación do centro de saúde, “sen citas para atención primaria en xuño”. A rexedora asegura que é “unha irresponsabilidade por parte da Consellería de Sanidade da Xunta permitir isto”. Pide que se cubran “as baixas dos médicos, Viveiro non é un concello de segunda, está en risco a saúde de máis de 15.000 veciños, aos que se xuntan as persoas que nos visitan no verán”

“Non é unha situación nova”, lembra a alcaldesa, “e desde o concello reclamamos en moitas ocasións á Consellería de Sanidade da Xunta unha solución urxente que non chega”. O pasado mes de novembro, os veciños e veciñas de Viveiro manifestáronse para reclamar unha mellor atención sanitaria. Ademais das demoras en atención primaria, hai tamén problemas continuos no servizo de pediatría.

O Goberno local insiste en destacar “a gravidade da situación, está en risco a saúde dos nosos veciños e veciñas”, aos que demandan “que reclamen tamén as deficiencias, que presenten reclamacións no centro de saúde para que a Consellería de Sanidade faga algo”.

0.18207502365112