A alcaldesa de Viveiro volve solicitar unha reunión a Alfonso Rueda
María Loureiro, alcaldesa de Viveiro, volve demandarlle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, unha reunión na que abordar asuntos estratéxicos para Viveiro. “Diríxome novamente a vostede co fin de reiterar a solicitude de reunión que este concello ten solicitada para tratar diversos asuntos de grande importancia para Viveiro. Neste sentido, cómpre lembrar que enviamos unha primeira solicitude de reunión en 2022 e unha segunda en 2024”, lembra Loureiro na carta que enviou a Rueda.
“Nesta xuntaza desexamos tratar diversos asuntos de grande importancia para o noso municipio, como por exemplo a creación da Variante de Viveiro, a situación da sanidade e outros proxectos para a vila”, engade a alcaldesa.
María Loureiro expresa: “Se ben é certo que vimos xestionando algúns temas coas diferentes consellerías da Xunta de Galicia, entendemos que hai outras cuestións que, pola súa relevancia, deberían ser tratadas entre a alcaldesa de Viveiro e o presidente do goberno galego”.
“Igual que vén recibindo a outros alcaldes, debería ser posible axendar unha xuntanza na que o Concello de Viveiro, que por poboación é o máis grande da comarca da Mariña e o terceiro da provincia de Lugo, poida ser recibido polo presidente da Xunta de Galicia para manter un encontro que nos permita abordar con profundidade diversas cuestións de vital relevancia para o noso municipio”, conclúe Loureiro.