A alcaldesa de Viveiro solicita falar sobre o lobo con Medio Rural
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, solicitou unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, co obxectivo de tratar a problemática do lobo que está a afectar ao municipio.
Dende o Concello de Viveiro explican a problemática situación que acontece dende hai meses e que se está agravando dende hai un tempo derivada dos animais que aparecen atacados polo lobo, como ovellas, vacas ou cans, e outros que desaparecen. Unha situación que afecta á provincia de Lugo, e concretamente, entre outros, ao Concello de Viveiro.
Ante esta situación, representantes de varios concellos da Mariña de Lugo e do Concello de Muras mantiveron unha reunión na que decidiron enviar un escrito, asinado por todos á Consellería de Medio Ambiente, así como ao Ministerio. Porén, a día de hoxe, aínda non se recibiu resposta.
Nos últimos tempos a situación empeorou, ademais de sucederse os ataques no rural, cada vez estanse incrementando máis na zona urbana, con proximidade ás vivendas, co perigo que esta situación pode implicar non só para os animais domésticos senón tamén para as persoas.
O Concello de Viveiro, dada a preocupación e inquietude por parte dos veciños, considera necesario facer unha valoración da situación. Deste modo, a alcaldesa de Viveiro remitiulle unha carta á responsable autonómica de Medio Ambiente na que explica a problemática do lobo e pedíndolle unha reunión á maior brevidade posible.
Por outra banda, o PP afea a Loureiro que pida a intervención da Xunta fronte aos problemas que crea o lobo, mentres ela rexeita co PSOE iniciativas do PP para non incluílo nas especies silvestres de protección especial. Os populares din que é inaudito que a alcaldesa pida “unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, co obxectivo de tratar a problemática do lobo que está a afectar ao municipio”, despois de que os socialistas votaran en contra das propostas populares en distintos ámbitos institucionais, incluída a Deputación da que ela forma parte.
Os populares sinalan que “a situación empeorará se o Goberno de España non recúa neste asunto” e “a señora Loureiro e o PSdeG serán os responsables, e non lle vale de nada intentar desviar a atención cara á Xunta; a responsabilidade será do Goberno de España, é dicir, do PSOE, que é tanto como dicir do partido ao que vostede representa no Concello de Viveiro”.