Viveiro e Portos de Galicia negocian para que os usos do aparcadoiro sexan municipais

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
19 Out 2019

A alcaldesa do Concello de Viveiro, María Loureiro, obtivo en Santiago o compromiso de Portos de Galicia de estudar “a sinatura dun convenio para que a xestión dos usos do aparcadoiro do peirao sexa municipal”.

Loureiro mantivo unha reunión de traballo “moi cordial e frutífera” coa nova presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, na que se trataron moitos temas polas numerosas infraestruturas e competencias que ten o organismo autonómico en Viveiro.

Dentro das actuacións inminentes, falouse tamén da dragaxe do porto de Celeiro, da canle e do porto deportivo, un proxecto que se atopa na fase previa ao comezo dos traballos.

“Falamos tamén dos posibles usos para o Casino de Viveiro e da eliminación das vallas do porto deportivo, continuando coa nosa idea de abrir Viveiro ao mar”, explica a alcaldesa, “ademáis da necesaria actuación na zona da praia de Celeiro, que debe incluír beirarrúas, iluminación e un novo aparcamento”. 

“Tratamos por outra parte a situación do varadero e as posibles solucións ante as demandas veciñais, do estado do expediente para o atraque da embarcación turística ‘Catro Vellos Mariñeiros’, da ponte da Misericordia e o espigón de Celeiro, ou da posible demolición da antiga vivenda do gardapeiraos, xa que está moi deteriorada”, engade Loureiro.

En opinión da alcaldesa de Viveiro, “foi unha primeira toma de contacto moi positiva e quedamos en manter novos encontros de traballo a curto prazo, pola convivencia que hai entre a vida portuaria e as dos nosos veciños e veciñas”.

0.079426050186157