A alcaldesa de Trabada trasládalle a Medio Rural os proxectos pendentes no Concello
A alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, envioulle unha carta ao conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, para trasladarlle os proxectos pendentes e as demandas históricas dos veciños e veciñas do concello, entre as que destaca a concentración parcelaria en Monte da Vilapena.
Na carta, García Bermúdez lembra que “o 5 de outubro de 2015 remitinlle unha carta á anterior conselleira de Medio Rural para trasladarlle a miña vontade de manter un diálogo institucional aberto, fluido e cordial co fin de poder executar proxectos pendentes e sacar adiante novas iniciativas de dotación e mellora de infraestructuras e servizos que aumenten a calidade de vida e o benestar das veciñas e veciños, ademáis de favorecer a creación de emprego e o desenvolvemento económico”.
Grazas a esas xestións, Trabada conta ano tras ano con brigadas de prevención e extinción de incendios, a diferencia doutros concellos que non as solicitan.
Asimesmo, co fin de definir as actuacións que Trabada pretendía desenvolver conxuntamente entre o concello e a consellería do Medio Rural, remitiulle un listado cos proxectos pendentes e as iniciativas de dotación e mellora de infraestructuras e servizos.
“Visto que a día de hoxe aínda non se abordaron parte deses proxectos, indícolle que os máis prioritarios para o concello son a concentración parcelaria en Monte da Vilapena e a solicitude de cesión en propiedade dun vehículo motobomba, xa que a que temos é moi antiga e ten múltiples averías; isto obríganos a non poder conveniar coa Xunta no verán, porque nos desconta os días de servizo que está averiada e ao final somos os concellos os que temos que asumir os gastos derivados da contratación do persoal para a motobomba”, engade a alcaldesa.
Mayra García Bermúdez ofrece a súa colaboración á Xunta para contribuír entre ambas administracións a manter vivo o rural aumentando o valor do terreo dos propietarios particulares coa concentración parcelaria, e garantindo a seguridade das persoas e do territorio en caso de catástrofes coa motobomba, convidando ao conselleiro a visitar o concello.