A alcaldesa de Trabada pídelle axuda á Xunta para facer fronte á praga de vermes que estraga colleitas e cultivos

AMariñaXa
A alcaldesa do Concello de Trabada, Mayra García Bermúdez, pídelle á Xunta de Galicia colaboración para poder facer fronte “á praga de vermes que está a causar estragos nos cultivos e colleitas”.
trabada plaga vermes
11 Oct 2023

A alcaldesa do Concello de Trabada, Mayra García Bermúdez, pídelle á Xunta de Galicia colaboración para poder facer fronte “á praga de vermes que está a causar estragos nos cultivos e colleitas”.

A rexedora envioulle unha carta ao conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, pois atópase “preocupada por unha situación que afecta gravemente ao noso concello e ao entorno natural que nos rodea”. Deste xeito, decidiu transmitirlle “a nosa inquedanza con respecto á praga de vermes que actualmente nos afecta en Trabada".

Esta problemática remóntase meses atrás cando observaron “un aumento significativo na poboación de vermes, unha praga que está a causar estragos nos cultivos dos gandeiros e agricultores así como nas zonas verdes”. Esta realidade afecta “non só á estética do noso contorno, senón tamén á calidade de vida da veciñanza, que por unha banda ven estragadas as súas colleitas e por outra provocan limitacións no día a día xa que esta praga chega ata as portas das vivendas”, explica García Bermúdez.

Dende o Goberno de Trabada solicítase a colaboración á Administración autonómica para elaborar “unha avaliación exhaustiva da situación e así desenvolver un plan de acción que inclúa métodos de control e axudas aos afectados ao igual que se fixo polos danos ocasionados por outras pragas, como recentemente se fixo dende a consellería que dirixe para paliar os danos ocasionados polo incremento poboacional da rata toupa”.

Ademais, dende o Concello explican que sería de gran utilidade “proporcionar información e orientación á veciñanza sobre como previr a súa proliferación”. Deste xeito, a alcaldesa espera que se poida “abordar esta situación de maneira rápida e efectiva, adoptando medidas concretas para protexer o noso entorno natural e unha actividade esencial no rural, como é a agrogandeira”.

0.16323781013489