A alcaldesa de Trabada pide que se repoña o médico de familia do centro de saúde xubilado recentemente
A alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, envioulle unha carta ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na que lle traslada “a súa preocupación relativa á falta da cobertura do médico de familia de atención primaria xubilado recentemente”.
Na carta, García Bermúdez lémbralle que Trabada conta cunha poboación moi envellecida e cunha gran dispersión, “xa que temos 1.111 habitantes, dos cales 436 teñen máis de 65 anos distribuídos en 122 entidades de poboación”.
“Ademais, dende o 2015 o noso concello conta cun centro de atención aos maiores que forma parte da Rede de Centros de atención aos maiores da Deputación de Lugo e que conta con 39 prazas residenciais, o que fai máis imprescindible se cabe a cobertura deste posto a xornada completa”, engade a alcaldesa.
García Bermúdez destaca que desde o concello “fixemos unha aposta clara e decidida no que se refire aos servizos públicos e de calidade coa finalidade de afrontar o reto demográfico, a cohesión e a vulnerabilidade territorial e social que sufrimos no rural”.
“Pero iso non podemos facelo dende as administracións locais en solitario. O esforzo que facemos dende o concello para manter servicios públicos de calidade no rural que son grandes xeradores de emprego e que contribúen a fixar poboación ten que vir acompañado pola aposta da Xunta de Galicia polos servizos públicos no seu ámbito competencial”, apunta García Bermúdez.
“Non podemos estar días completos sen médico como ten pasado en varias ocasións, e tampouco é suficiente cubrir a media xornada o posto do médico cando non está o titular. Os veciños e veciñas de Trabada non podemos permitir máis recurtes nos servicios públicos, polo que lle solicito a cobertura a xornada completa do posto de médico de Trabada”, remata a alcaldesa.