A alcaldesa de Trabada pide a rehabilitación da vella escola de Sante
A alcaldesa de Trabada acordou solicitar á Consellería de Infraestructuras e Vivenda ao abeiro da Orde do 4 de xullo de 2017, subvención para a execución da rehabilitación da antiga vivenda de mestres da escola de Sante para destinala a residencia de familias con escasos recursos económicos.
Ascenden o custo total do proxecto subvencionable e a subvención total solicitada a 47.471,47€ e 35.309,35€, respectivamente; se ben, a Xunta descontou boa parte e finalmente subvencionou unha achega de 26.314,38€ e o Concello 21.156,34€, o que supón un 55% de achega da Xunta e un 45% do Concello, sen ter en conta o equipamento, que non estaba incluído no proxecto.
Polo tanto, unha vez máis, se pon de manifesto o esforzo que fai o Concello para manter o seu patrimonio e ao mesmo tempo dar utilidade ós inmobles e dotarse de máis recursos que poñer a disposición de quen máis o necesita. Non se pode comparar a capacidade económica da Xunta cun orzamento de 9.850 millóns de euros frente aos 1,6 millóns de euros, co que conta o Concello de Trabada.
A alcaldesa aproveitou a visita do delegado da Xunta para pedirlle a colaboración para realizar o equipamento das escolas rurais que o Concello ten rehabilitadas, e así poder continuar co proxecto iniciado.