A alcaldesa de Lourenzá asegura que os contedores de Montero Villegas funcionan dende setembro

AMariñaXa
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, asegura que non lle sorprenden
Rocio Lopez alcaldesa Lourenza presidenta Mancomunidade 2023
17 Out 2023

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, asegura que non lle sorprenden as críticas do PP local, que vén de denunciar que o goberno local non solicite subvencións, así como o mal funcionamento dos contedores de Montero Villegas e o estado das rúas, situación que eles negan.

Para a socialista é a política “de sempre: a do descrédito e a de non aportar nada construtivo para Lourenzá”. A rexedora afirma que os populares critican que non pediran axuda da Xunta para os campamentos de verán, pero “non celebran que o Concello investise case 20.000 euros no financiamento dos monitores con cargo a fondos propios, como se fixo sempre”.

Grazas aos orzamentos municipais, organizaron o campamento de verán “con moitos usuarios e que permitiu a conciliación a moitas familias e ademais deu traballo a xente de Lourenzá, porque os monitores eran da vila”. Segundo as súas palabras, aos concelleiros do PP “non lles preocupa en cal imos meter os gastos de transporte do alumnado de BAC, que ten que asumir o Concello por culpa de que a Xunta lles suprimiu o servizo”.

Deste xeito, asegura que poden reclamarlle á Xunta “o servizo de transporte para os nenos e nenas de BAC; e de paso que reclamen tamén o servizo de Pediatría, que tiñamos en Lourenzá e que tamén nos sacou a Xunta”.

Anticipos nos obradoiros de emprego

A rexedora municipal engade que existen moitas cuestións sobre as que traballar. “Tamén sería bo que lle trasladasen á Xunta a necesidade de maiores anticipos no caso dos obradoiros de emprego para que os Concellos pequenos non teñamos dificultades de liquidez á hora de xestionalos”. De ser así, López considera que moitos máis municipios solicitarían os obradoiros.

Ademais Rocío López aclara que o dos contedores de Montero Villegas é “outra mentira máis do PP. Si é certo que nos deron moitos problemas, como todos os que temos soterrados, pero eses en concreto levan funcionando dende antes da Festa da Faba”. E recorda que as rúas “non están tan sucias como din eles, xa que hai unha persoa que dedica case toda a súa xornada diaria a varrer e limpalas”.

0.1349561214447