A alcaldesa de Cervo sobre a perda do GES: "Fixemos a reubicación dos postos de traballo"
"Non tivemos noticias por parte da Deputación de Lugo, pedímoslle unha solución, xa que é a administración que ten a competencia en Emerxencias e extinción de incendios en concellos de menos de 20.000 habitantes", recoñece a alcaldesa do Concello de Cervo, Dolores García Caramés, sobre a situación do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES).
Informa a rexedora que, tras rematar o convenio que regula este servizo a súa vixencia o día 31 de decembro, dende o Concello realizaron a reubicación dos postos de traballo: "Modificamos as condicións de traballo para que pasaran a ser peóns de servizos múltiples e non quedaran nun limbo uns e sen traballo outros".
De igual forma fai fincapé en que o 2 de xaneiro a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) remitiulles o convenio redactado, que non cambiara "ningunha coma nin nada" en comparación ao borrador que lles mandaran o 13 de decembro. Ante isto, manifesta: "A Cervo correspondíanlle 12 efectivos, con isto nos é imposible cumprir co conveniado. Cando firmas un convenio é para atender as emerxencias, pois aí así non poderiamos cumprir nin coas emerxencias nin tampouco coa saúde laboral. Intentamos ter máis efectivos e facer procedementos de traballo correspondentes ao convenio que firmabamos como GES, pero é que nós é imposible se non temos máis efectivos".
A PERDA DO GES E A SITUACIÓN DOS PARQUES DE BOMBEIROS
García Caramés traslada o sentir da veciñanza ao respecto: "Entenden que somos un concello de menos de 20.000 habitantes, concretamente 4.200, que está asumindo un servizo que é supramunicipal, de varios concellos e que a administración competente non dá solucións. Apenados estamos todos porque quixésemos ter este servizo, pero non se pode dar á veciñanza unha falsa seguridade de que estamos aí. Non podemos saír a un incendio porque non temos suficientes efectivos, nin telos para coller velutinas ou rozar montes, non é iso o que pon o convenio nin o obxectivo de ter un GES".
Insiste en que emitiu un comunicado para coñecer como quedarían as emerxencias ou que solución lles dan. O Concello de Cervo, segundo afirma a rexedora, está aberto a todo e non entende o silencio "nin parte da administración competente nin ao silencio ás alegacións que fixemos ao borrador por parte da FEGAMP". A situación tradúcese en preocupación ante a perda deste servizo fronte as emerxencias, destaca, non só de Cervo, senón dos outros concellos da Mariña afectados, Alfoz, Foz, Burela, Xove e O Valadouro.
"Tampouco van estar as emerxencias, durante o 2025, cubertas polos parques de bombeiros, que tamén estarán cerrados día si e outro día non porque non teñen os efectivos suficientes", lamenta García Caramés, que recoñece sobre o convenio do GES, que os tempos eran moi axustados: "Hai un convenio que tes que firmar o día 31 para que ese servizo siga, é así. Si se pedía esa celeridade é por iso e porque os traballadores estaban suxeitos a ese convenio, non hai outro documento que digan que son GES. Aínda así eu creo que as emerxencias dos concellos son importantes como para entender cal era a celeridade e atender á demanda".