Clausurada a edición do obradoiro de emprego Sendas de Burela, Cervo e Xove
A Xunta de Galicia clausurou hoxe a décima edición do obradoiro de emprego “Sendas de Burela, Cervo e Xove”, que terá continuidade nun novo proxecto que comezará en decembro. As dúas iniciativas suman un investimento de 949.000 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na entrega dos diplomas aos alumnos e alumnas que veñen de rematar a súa formación na especialidade de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, durante a que recibiron contidos teóricos e prácticos, desempeñando labores de mantemento das zonas verdes e espazos públicos dos concellos promotores.
Así, en Cervo actuaron na contorna da ponte medieval de Lieiro, da antiga fábrica de salgadura ou das vivendas da Atalaia en San Cibrao, así como no parque municipal das Lobeiras, o parque Reina Sofía e a contorna da antiga Fábrica de Sargadelos, entre outros puntos.
En Burela acometeron o axardinamento, instalación e mellora do rego en diversas zonas verdes, a restauración ambiental da cunca dos regatos das Pasadiñas e da Vila do medio, e o acondicionamento de parques e xardíns como os de Rosalía de Castro, Suafonte, Perdouro, a praza Antonio Garelly, a do Canabal, a área recreativa do Cantiño ou o paseo marítimo.
En Xove centráronse na restauración ambiental da cunca fluvial da Ruta dos Muíños e da área etnográfica do Portiño de Morás, a instalación dun xardín seco no encontro do Parque do Centro Cívico cos novos aparcadoiros, e a mellora de espazos naturais como a área recreativa do San Antonio da Rigueira e os parques da rúa Doutor Baamonde Illade e do Centro Cívico.
O delegado territorial subliñou que os obradoiros de emprego melloran a empregabilidade dos participantes capacitándoos para exercer profesións con elevada demanda no mercado laboral, ao tempo que desenvolven funcións en beneficio dos veciños e veciñas dos municipios promotores.
PALABRAS DA ALCALDESA DE CERVO
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, quixo ter unha palabras de agradecemento á Xunta de Galicia por esa aposta pola formación dual "xa que sin o seu apoio e colaboración sería inviable poder levar adiante estes obradoiros". A rexedora felicitou a todo o alumnado do Obradoiro Sendas de Burela, Cervo e Xove X, que promoveu o Concello de Cervo, e que neste día recibiron o seu certificado de profesionalidad, poñendo en valor a importancia da colaboración institucional.
Caramés puxo en valor estes talleres e precisou que tivo a oportunidade neste ano: "De compartir momentos co alumnado, neste caso de Cervo, de conversar con eles e sei que lle sacaron un gran proveito a este curso, ampliando coñecementos, e en moitos casos descubrindo un sector como o da xardinería que descoñecían e cara ao que van enfocar agora o seu futuro laboral e intentar buscar emprego, desexándolles moita sorte".
A alcaldesa dirixiuse ao alumnado para felicitalos por todos estes meses nos que ademais de traballar, de aprender, de poñen en práctica os coñecementos adquiridos…e de mellorar moitos dos espazos públicos dos nosos municipios…."fixestes un grupo moi unido, creando ademais un espazo onde a colaboración, o compañeirismo e o compromiso foron piares fundamentais. E iso nótase en cada parque, cada zona verde e cada espazo público no que deixastes a “marca Obradoiro”, da que todos os veciños no caso de Cervo podemos agora desfrutar".