A alcaldesa de Cervo deu a coñecer o reparto das áreas do novo Goberno
A rexedora de Cervo, Dolores García Caramés, deu a coñecer este mediodía a organización do novo Goberno resultante das Eleccións Locais celebradas o pasado 28 de maio.
A propia Caramés será a encargada da coordinación das diferentes delegacións divididas por áreas de xestión do seguinte xeito:
- As áreas de Cultura, Xuventude e Facenda, serán asumidas pola alcaldesa, Dolores García Caramés.
- A delegación de Medio Ambiente Obras e Ecoloxía, estará dirixida pola concelleira Manuela Méndez Álvarez.
- A delegación de Réxime Interior, Emprego e Formación, estará encabezada polo concelleiro Alfredo Antonio Fernández Casas.
- A delegación de Innovación e Emprendemento, e Zona Rural, corresponderalle ao concelleiro Adrián Arias Díaz.
- A delegación de Asuntos Sociais e Igualdade, Educación e Sanidade, estará dirixida pola concelleira Mª Concepción Pilar Armada Carrete.
- A delegación de Deportes e Turismo, estarán xestionadas polo concelleiro David Rodríguez Pernas.
- A delegación de Seguridade Cidadá, corresponderalle ao concelleiro José Manuel Balseiro Orol.
A rexedora destacou a gran confianza que ten depositada neste equipo de compañeiros e compañeiras “formado por veciñas e veciños de Cervo con experiencia e acreditada capacidade de traballo, e con moitas ganas de seguir a traballar por este concello”, e puxo en valor tamén as novas incorporacións “con compromiso, ilusión e ideas novas para seguir mellorando o noso municipio”.
Caramés afondou na aposta por un Goberno “activo, participativo, implicado ao 100% e ao servizo da veciñanza de Cervo os 365 días do ano”, que é a nosa forma de traballar, como vimos facendo ata o de agora.
Tal e como explicou, desde o Concello de Cervo seguiremos apostando pola transparencia e a información puntual á veciñanza “que será plenamente coñecedora da xestión do gasto público, e de todos os investimentos que materialicemos”; apoiándonos nunha profesional en materia de información e comunicación, “na que recaerá a estratexia global de comunicación, a relación directa cos medios, e que se encargará de coordinar tamén as actividades culturais, lúdicas e de lecer dirixidas á mocidade” que recibirá unha retribución bruta anual de 21.699,96 euros.
Caramés quixo precisar que se actualizaron as dedicacións en consonancia cos tempos, puntualizando que, en ningún caso, o orzamento total do gasto dos órganos de goberno e da Corporación supera o incremento do IPC dos últimos catro anos; “de feito o orzamento destinado aos órganos de goberno foi reducido en case 8000 euros con respecto á pasada lexislatura”; pero tamén actualizamos -explicou- as contías relativas á asistencia ás Xuntas de Goberno e ás sesións plenarias, o que afecta á Corporación municipal ao completo, tanto ao goberno como aos grupos da oposición, subliñou.