A alcaldesa de Cervo defende a xestión do SAF e pide ao PSOE que non faga un uso político dos maiores

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, reclamou ao PSOE que “non utilice aos maiores como arma política” e saíu en defensa da xestión que o Concello está a realizar do servizo municipal de axuda no fogar (SAF). A rexedora cualificou de inaceptable que se poña en dúbida a profesionalidade das traballadoras dun servizo que presta atención e coidados a preto de medio centenar de veciños do municipio.
García Caramés explicou que, tras coñecer a queixa presentada pola familiar dunha usuaria, o Concello actuou “con responsabilidade e total transparencia”, ordenando unha revisión do expediente para esclarecer os feitos. Segundo indicou, “a familia ten dereito a ser escoitada e o Concello a obriga de contrastar a información”.
Da análise da documentación despréndese que en ningún momento existiu unha renuncia ás horas do SAF nin unha minoración dos dereitos da usuaria, que continúa recibindo as horas de atención correspondentes ao baremo recoñecido pola Xunta. A alcaldesa precisou que, nos últimos meses, a intensidade do servizo incrementouse en máis dun 50%, con máis horas nocturnas, de fins de semana e festivos, por decisión técnica.
A rexedora lamentou que o PSOE aproveitase esta situación para lanzar acusacións públicas “sen contrastar”, xerando unha alarma que, ao seu xuízo, non se axusta á realidade nin fai xustiza a un servizo esencial para as persoas máis vulnerables. Tamén aclarou que non existe ningunha directriz da Alcaldía para recortar horas nin promover renuncias, lembrando que o Concello non ten competencias para reducir horas asignadas pola Xunta.
Finalmente, García Caramés reprochou aos socialistas a súa falta de coherencia ao cuestionar o SAF cando, segundo indicou, o Goberno central non asume a porcentaxe de financiamento que lle corresponde por lei. Ademais, destacou que Cervo é un dos poucos concellos da Mariña que presta este servizo con persoal municipal e avanzou que o recente acordo entre a Xunta e a FEGAMP permitirá seguir reforzando e ampliando a atención.