A alcaldesa de Burela di que a reunión cos hostaleiros sobre as terrazas foi "moi produtivo para todos"

AMariñaXa
Retómase a celebración do mercado semanal de Burela. O obxectivo é proceder á reorganización dos postos en Torrentes
Burela Carmela Lopez alcaldesa 2023
17 Nov 2023

O salón de plenos do Concello de Burela acolleu unha reunión do equipo de Goberno local e os hostaleiros e hostaleiras da vila para falar da nova ordenanza de instalación e uso de terrazas no espazo público do concello.

Neste encontro, que a alcaldesa de Burela, Carmela López, di que foi "moi produtivo para todos", escoitáronse os obxectivos da nova ordenanza e as demandas e inquedanzas dos hostaleiros, para así buscar un maior consenso.

“É un tema importante e queríamos ir da man do sector, combinando a actividade e a convivencia cos veciños, así como outros aspectos como a estética das terrazas, o espazo que deben ocupar ou o prazo de adaptación a estas novas medidas”, afirma a alcaldesa.

Algúns dos temas que se trataron foron os horarios que rexerán as terrazas e os hostaleiros opinaron que sexa o mesmo que o de apertura do establecemento, ao que López engadiu que "na enquisa cidadá un 40 % prefire que se restrinxa ese horario para que prime o descanso veciñal. Estas son as cousas que temos que avaliar".

"Estivemos recollendo peticións sobre horarios, peches de terrazas, publicidade no mobiliario e darase un prazo dun ano para adaptarse á nova ordenanza desde que quede aprobada", dixo López, "a intención é ter aprobada esta normativa este ano o como moi tarde no primeiro trimestre do 2024".

https://galiciaxa.com/2023/11/amxa/zonas-amxa/burela-amxa/236934/

0.18824100494385