A alcaldesa de Burela, Carmela López, participa no II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘Les Elegides’

AMariñaXa
A cita reúne en Mallorca a 140 políticas locais de trece países para compartir experiencias e fortalecer o liderado feminino na gobernanza municipal
ALCADESA-BURELA-PARTICIPA-NO-II-ENCONTRO-INTERNACIONAL-DE-MULLERES-ELECTAS-EN-PALMA-DE-MALLORCA-2025
6 Nov 2025

A alcaldesa de Burela, Carmela López, participa hoxe e mañá no II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘Les Elegides’, un foro de diálogo e cooperación que reúne en Mallorca a 140 representantes políticas locais de trece países. O obxectivo do encontro é fortalecer o liderado feminino, reflexionar sobre os obstáculos que as mulleres atopan para manterse nos cargos e poñer en valor o seu papel innovador na transformación dos servizos públicos.

A rexedora burelesa acode en representación do Concello de Burela, membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade que promove o intercambio de experiencias entre administracións locais do Norte e do Sur Global. “É un orgullo poder compartir espazo con mulleres que, dende realidades moi distintas, traballan cada día por unha política máis xusta, inclusiva e comprometida coas persoas”, destacou López.

Baixo o lema “Liderado, innovación e boas prácticas desde o Sur e o Norte Global”, as participantes debaten estratexias para fortalecer redes de electas e incrementar a súa influencia na gobernanza local. O encontro está impulsado polo Fons Mallorquí de Cooperació e conta coa colaboración da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidaridad e da Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID).

Xunto á alcaldesa de Burela tamén participan representantes galegas como a alcaldesa de Muros, María Lago, e as concelleiras Laura Eiras, Patricia Lojo, Amparo Cerecedo, Pilar Barja, Patricia Diego, Estela Pérez e Noelia Freijeiro.

Segundo ONU Mulleres, só o 35,5% das persoas que ocupan cargos en órganos deliberativos locais no mundo son mulleres, unha cifra que pon de manifesto a importancia de continuar promovendo espazos de diálogo e aprendizaxe compartida. Entre a vintena de relatoras de Europa, África, América Latina e o Mediterráneo destaca a palestina Hanan Kaoud, concelleira de Ramala e experta en xénero, que visitará a próxima semana oito concellos galegos socios do Fondo Galego de Cooperación.

⚙ Configurar cookies
0.070949077606201