A alcaldesa de Barreiros reclama unha reunión co xerente da área sanitaria luguesa

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, dirixiu unha solicitude de reunión a Ramón Ares, xerente da Área Sanitaria de Lugo- Monforte- A Mariña, para tratar en persoa a situación do Centro de Saúde de Barreiros; diante da “pasividade que ten amosado o Sergas por solucionar unha situación que se prolonga case un mes e que impide á maioría da poboación ter citas médicas en menos de tres semanas”
A alcaldesa explica que unha grande parte das veciñas e veciños só tiveron acceso a unha cita médica en dous días deste mes, 20 e 21, non habendo máis axenda dispoñible en todo outubro. “E a situación non parece que vaia cambiar, xa que a día de hoxe, as únicas datas para cita son o 3, 4 e 5 de novembro”, asegura.
A rexedora xa trasladou no seu momento a preocupación do goberno local que se fai eco da que manifesta a poboación e o seu malestar “quedou de manifesto na concentración realizada o luns 13, que, cando menos serviu para que reforzaran puntualmente algunhas horas.”
Porén, Ana Ermida manifesta que o que se pide é unha solución real e continua, “porque a realidade é que se está privando de atención sanitaria básica que pode derivar en problemáticas máis graves por esa falta de atención”.