A alcaldesa de Barreiros pide por carta medidas inmediatas para salvar a atención primaria

AMariñaXa
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, reclama ao conselleiro de Sanidade e á xerencia da área sanitaria medidas inmediatas ante a falta total de facultativos no centro
barreiros-centro-de-saude
3 Oct 2025

O Concello de Barreiros vén de trasladar, de novo, a súa profunda preocupación pola situación que atravesa o Centro de Saúde local, onde actualmente non se conta con ningún facultativo dispoñible e só unha persoa atende as urxencias. Segundo explicou a alcaldesa, Ana Ermida, esta circunstancia xerou “un verán de sobrecarga permanente” para o persoal sanitario e está a provocar malestar entre a veciñanza, que ve comprometida a calidade da atención primaria.

Nunha carta remitida ao conselleiro de Sanidade e á xerencia da área sanitaria Lugo-A Mariña-Monforte de Lemos, Ermida denunciou que a totalidade do cadro de persoal facultativo do centro non está cuberta e que non se están adoptando substitucións, situación que provoca listas de espera de ata tres semanas para consultas ordinarias e emisión de receitas. “O funcionamento anormal deste servizo vén repetíndose mes tras mes, xerando estrés e sobrecarga laboral no persoal que sostén o servizo, o cal pasa factura na calidade da atención”, subliña a carta.

A rexedora local advirte tamén que esta situación “non é sostible a nivel laboral nin persoal” e que de non atoparse solucións inmediatas podería derivar en problemas sociais graves, especialmente tendo en conta que gran parte da poboación atendida é maior e depende dos servizos do Centro de Saúde. Por iso, reclamou que se cubran as ausencias de maneira urxente para garantir unha asistencia sanitaria adecuada e de calidade.

Ana Ermida finaliza a súa misiva amosando a disposición do Concello a colaborar para atopar solucións que melloren a atención primaria en Barreiros e insta a que se escoiten as demandas tanto da veciñanza como do persoal sanitario.

⚙ Configurar cookies
0.096589803695679