A Agrupación Socialista de Vegadeo renova a súa dirección cun apoio maioritario

A Agrupación Socialista de Vegadeo iniciou unha nova etapa tras a renovación da súa Comisión Executiva Municipal, que foi aprobada este luns 19 de maio co apoio do 94,4 % da militancia reunida en asemblea. A xestión do equipo saínte tamén foi validada por unanimidade, nun ambiente marcado pola unidade e o compromiso coa veciñanza.
A nova Executiva está encabezada por Pablo Fernández Abuín como secretario xeral, mentres que Cristina Novo Méndez asume a vicesecretaría xeral e a responsabilidade de organización e administración. Rosario Rodríguez Alonso ocupará a secretaría de igualdade e educación; José Luis Álvarez Braña, a de política municipal, emprego e cultura; María Guadalupe García Miranda, a de movementos sociais, migracións e dereitos cidadáns; Ángel Enterríos Quintana, a de entorno rural, agricultura e gandería; e Marta Carrelo Pastur, a de medio ambiente, mobilización e comunicación. Ademais, Arturo Alonso García foi nomeado presidente de honra.
Durante a sesión tamén se escolleu ao representante da agrupación no Comité Autonómico da FSA-PSOE, cargo que recaerá no actual alcalde de Vegadeo, César Álvarez Fernández, quen contou co respaldo do 83,3% dos votos emitidos.
A asemblea contou coa presenza da deputada veigueña Alba Álvarez Núñez, secretaria de Medio Rural da FSA, quen destacou a aposta por un equipo renovado, paritario e comprometido co desenvolvemento sostible do concello e co reforzo do proxecto socialista na comarca Oscos-Eo. A nova dirección afronta esta etapa con ilusión e vontade de traballo, coa vista posta nos retos sociais e políticos que se aveciñan.