A AECC impulsa camiñadas saudables en Foz para fomentar o benestar físico e emocional

A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) pon en marcha en Foz unha nova edición das súas rutas saudables, unha iniciativa gratuíta pensada para promover a actividade física e os hábitos de vida sans entre a poboación. As camiñadas desenvolveranse todos os venres ás 19:00 horas, dende o 16 de maio ata o 13 de xuño, ofrecendo unha oportunidade para exercitarse, socializar e coidar a saúde nun contorno privilexiado.
O punto de encontro e saída será a Avenida da Ribeira, na zona do porto focense, e o percorrido levará ás persoas participantes ata a praia de Llas, cun traxecto de ida e volta. Trátase dunha ruta accesible, pensada para todos os públicos, independentemente da idade ou da condición física.
A participación é de balde, mais requírese inscrición previa. As persoas interesadas poden apuntarse chamando ao 639 262 312 ou enviando un correo a lugo@contraelcancer.es. Dende a organización destacan que esta proposta busca “crear espazos para o coidado da saúde física e emocional, nun ambiente relaxado e en contacto coa natureza”.
A AECC lembra que o exercicio regular contribúe non só á prevención de enfermidades como o cancro, senón tamén a mellorar o estado de ánimo, reducir o estrés e fortalecer os lazos sociais. Estas rutas son, ademais, unha oportunidade para dar visibilidade ao labor que a entidade desenvolve ao longo do ano en apoio ás persoas afectadas e ás súas familias.
