A acróbata Súe Moreno actuará en Ribadeo a noite do 24 polo Día de Galicia

TerraChaXa | AMariñaXa
23 Xul 2019

A Consellería de Cultura e Turismo colabora co Concello de Ribadeo para ofrecer a actuación da acróbata Sue Moreno, na véspera do Día de Galicia. A cita, de acceso libre e gratuíto, terá lugar no parque San Francisco de Ribadeo, ás oito da tarde deste mércores 24 de xullo.
Neste espectáculo mestúranse técnicas aéreas de circo con cancións e teatro físico, interpretadas sobre unha estrutura de 6 metros de altura e tomando o humor como partitura. A historia sitúanos a unha muller e o seu día a día intentando conciliar o seu traballo, vida e maternidade, amosando as mil caras desta etapa desde unha ollada divertida, terna e por momentos absurda.  
Sue Moreno é actriz, trapecista e bailarina, formada na escola de danza Carmen Serra e as escolas de circo Carampa e Charivari. Comezou a súa carreira como artista no ano 2000 e non parou de traballar dende entón. Na actualidade é directora da escola de Acrobacias Aéreas que fundou en 2013 na Coruña.
O programa Cultura no Camiño financia cunha achega de 2.500 euros actuacións de teatro, danza, música, novo circo ou maxia, escollidas polos concellos galegos situados nalgunha das rutas xacobeas recoñecidas oficialmente, como é o caso de Ribadeo, emprazado no Camiño Norte.
 

0.19415497779846