A ACR Fervenza de Sargadelos celebra o seu décimo quinto aniversario

AMariñaXa
A ACR Fervenza de Sargadelos, de Cervo, organiza para mañá, sábado 24 de cembro unha festa de Noiteboa Infantil na praza do Souto. 
asociacion fervenza sargadelos
22 sep 2023

A ACR Fervenza de Sargadelos celebra o seu décimo quinto aniversario este sábado 23 de setembro cun xantar na Taberna de Sargadelos xunto coas persoas que colaboraron desinteresadamente ao longo de todo este tempo.

"Quince anos pasaron xa desde que un grupo de mozas e mozos de Cervo decidiran xuntarse co intuito de recuperar a Romaría de Sargadelos. Os primeiros eventos que organizaron, como a Festa da Fabada ou os Campionatos de Mus, estaban encamiñados a dinamizar o vila e, principalmente, para sacar fondos para a festa. Ademais, desde un primeiro momento, a asociación foi pioneira en apostar por lle dar á música galega e en directo o maior protagonismo do programa nunhas festas populares, algo que na altura non era habitual na bisbarra. Así, pisaron o torreiro da festa da Romaría de Sargadelos grupos como A Quenlla, A Roda, Treixadura, Berroguetto ou A Requinta da Laxeira. Cómpre salientar, tamén, que dentro da programación da romaría destacaba o ‘Sargadelos Fusión’, un festival precursor na Mariña que reunía bandas de diversos estilos musicais e polo que pasaron Medomedá, Sacha na Horta, Ataque Escampe ou O Leo, entre outras", engaden.

Hai uns anos que xa non organizan a Romaría, mais o principal obxectivo do colectivo non deixou de ser outro que aportar oferta cultural á veciñanza, tanto para persoas adultas como para as crianzas, para alén da dinamización. Dá conta disto os varios eventos que levan a cabo durante o ano, como a Noiteboa Infantil, a Foliada de Cervo, onde actuaron grupos con sona internacional como Pan Sen Fron, Tiruleque ou As Tanxugueiras; o Samaín e o Día de Rosalía, así como tamén realizaron roteiros para dar a coñecer unha parte do patrimonio arqueolóxico e natural de Cervo e algunha actividade relacionada co voluntariado ambiental.

0.11207604408264