A ACM Arume convida a veciños e visitantes a vivir a Noite das Ánimas

A Asociación Cultural e Musical Arume de Burela prepara xa todos os detalles para celebrar a terceira edición da Noite das Ánimas, unha cita que en poucos anos se consolidou como unha das máis esperadas do outono burelés. A actividade terá lugar o xoves 31 de outubro, a partir das 17:00 horas, na Praza de Abastos, e promete unha tarde chea de participación, creatividade e espírito festivo.
O programa inclúe xogos tradicionais para todas as idades e unha chocolatada sen glute, pensada para que ninguén quede sen desfrutar da merenda. Ademais, haberá talleres de cabazas, bonecos de millo e bonecas da vella, nos que os máis pequenos poderán dar renda solta á imaxinación mentres aprenden costumes ligados a esta data tan especial.
Un dos momentos máis agardados será o photocall, onde as persoas participantes poderán sacar a súa mellor foto e compartila nas redes sociais, e o sorteo dunha cestiña das ánimas, que se realizará ao rematar a procesión.
A organización anima tamén a acudir caracterizados de ánimas, cunha simple saba branca, para formar parte do Canto da Sinistra Compaña e da Procesión das Ánimas, que percorrerá a Praza da Mariña logo de saír desde o interior da Praza de Abastos. A cita busca manter viva a tradición galega arredor da noite de defuntos, combinando a lembranza das almas coa alegría compartida.