A acampada do parque Pernas Peón de Viveiro estará regulado pola organización do festival Resurrection Fest
O Concello de Viveiro informa que, con motivo da celebración do Resurrection Fest, que terá lugar do 26 ao 29 de xuño, a acampada do parque Pernas Peón estará regulada pola organización do festival.
Este espazo habilitarase con todos os servizos necesarios e cun control de aforo, co fin de ofrecer unha maior seguridade e mellor prestación ás persoas usuarias que fan uso desta zona.
A regulación da acampada no Parque Pernas Peón esixe que o recinto do parque se atope pechado, con control de acceso pola organización.
Este aforo limitado permite unha acampada controlada no parque, cun aforo non masificado, que vai redundar positivamente na conservación deste espazo de uso público, podendo quedar nunhas boas condicións para o uso xeral dos veciños e veciñas de Viveiro, unha vez finalizado o festival.
Ademais, tamén se cedeu o uso do Campo de Fútbol Marcos Gómez para habilitar máis prazas de acampada, que se habilitarán nesta instalación deportiva, nas zonas de bordean o terreo de xogo.
Esta acampada, que tamén será regulada pola organización do festival, permite ampliar os espazos dispoñibles para acoller á grande cantidade de visitantes que Viveiro agarda con motivo do festival e, ao mesmo tempo, permitirá que os usuarios poidan acampar con comodidade.
Ambos espazos abrirán ao público o martes 25 de xuño, ás 16.00 horas; é dicir, na tarde previa ao inicio do Resurrection Fest, que terá lugar do 26 ao 29 de xuño.
Por outra banda, tamén se quere informar que se celebraron varias reunións de traballo e unha Xunta Local de Seguridade, presidida pola alcaldesa, María Loureiro, e na que estivo a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez López, con motivo da celebración do festival. Tamén participaron a tenenta de alcaldesa, Míriam Bermúdez, e o concelleiro Jesús Fernández.
Nestas xuntanzas tratáronse diversas cuestións relativas á seguridade e á regulación do tráfico durante eses días, tendo en conta, ademais, a falta do servizo da Policía Local.