A Academia Xacobea organiza en decembro en Ribadeo a XVIII Xornadas do Mar
A Academia Xacobea ultima os preparativos para a celebración da vindeira edición das Xornadas Mar por Medio, que terán lugar do 1 ao 3 de decembro en Ribadeo reunindo a un destacado grupo de expertos de diferentes ámbitos para debater sobre o tema do Camiño: Cultura e tradición. Ese é o título e o fío condutor do programa elaborado pola Academia coa colaboración da Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Ribadeo. Durante tres días celebraranse conferencias, mesas redondas e outras propostas divulgativas sobre aspectos tan diversos como o patrimonio, a música, a artesanía ou a gastronomía en relación cos Camiños de Santiago e o fenómeno xacobeo. O contido detallado do programa darase a coñecer nos próximos días.
Xa está aberto o prazo para que os interesados en participar poidan formalizar a súa inscrición. Para tal fin habilitouse un formulario na web da Academia Xacobea que xa está accesible ao público. http://academiaxacobea.gal/
A orixe das Xornadas do Mar por Medio remóntase a principios dos anos 90 do pasado século por iniciativa do profesor emérito do Queen's College da Universidade de Oxford e fundador do Centro de Estudos Galegos desa prestixiosa institución, John Rutherford. Despois dun longo parón de máis dunha década, foron recuperados en 2022 pola Academia Xacobea coa colaboración do propio Rutherford. A pasada edición, que se celebrou coincidindo coa recta final do excepcional Ano Santo bianual 2021-22, titulouse O Camiño do Século XXI.