A asociación Nordés organiza a súa primeira ruta pola parroquia de Devesos
A asociación Nordés, co obxectivo de dar a coñecer, poñer en valor e protexer o patrimonio natural, cultural e etnográfico das Terras da Faladora, organiza a súa primeira actividade en colaboración con A Devesana. Sociedade de Instrucción e Recreo. Así poñen en marcha unha ruta guiada o domingo 12 de maio baixo o título de “Lendas, Patrimonio e Biodiversidade de Devesos”, e que de seguro vai resultar máis que interesante para a xente ao ir descubrindo nese camiñar unha parte do moito que a parroquia de Devesos ten e que temos que axudar a preservar.
As persoas relatoras neste percorrido de 4 quilómetros polos puntos de interese escollidos serán: Emilio Castro Fustes, profesor e ex-director do Museo Pedagóxico e directivo de "A Devesana"; Ana Durán Penabade, antropóloga e directiva da Asociación Galega de Antropoloxía; e Antonio Martínez Pernas, técnico superior en xestión e organización dos recursos naturais e asociado de Nordés.
Será un percorrido de dificultade media/baixa pasando pola capela da Virxe de Portas, o muíño e a fervenza do Castro. O punto de encontro será no edificio de "A Devesana". Os interesados poden facer a súa inscrición no 653 756 454 (Ricardo) ou en asociacion.nordes@gmail.com