A A.C.D. As Minas impulsa unha nova campaña solidaria de recollida de alimentos e xoguetes na Pontenova

AMariñaXa
A iniciativa permanecerá activa ata comezos de xaneiro e destinará o recadado a familias da contorna, Cáritas e Cruz Vermella
recollida-xoguetes-solidaria-nadal
17 Dec 2025

A Asociación Cultural e Deportiva As Minas da Pontenova volve poñer en marcha, un ano máis, a súa tradicional campaña solidaria de Nadal, coa que pretende recoller alimentos non perecedoiros e xoguetes para apoiar ás familias máis necesitadas da contorna nestas datas tan sinaladas.

No caso da recollida de alimentos, a campaña prolongarase ata o 9 de xaneiro de 2026. As persoas que queiran colaborar poden depositar os seus donativos na Libraría Eugenia ou no Supermercado Superti, dous puntos habituais de referencia nesta iniciativa solidaria que conta co apoio da veciñanza ano tras ano.

Pola súa banda, a recollida de xoguetes ten como data límite o 2 de xaneiro de 2026. Desde a asociación explican que este prazo está pensado para facilitar a organización das súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, de xeito que os xoguetes poidan chegar ás casas correspondentes na noite de Reis. Aínda así, indican que en casos excepcionais se valorará a posibilidade de aceptar doazóns máis aló desa data.

Desde a A.C.D. As Minas fan tamén un chamamento a aquelas persoas que necesiten axuda para o transporte dos alimentos ou xoguetes, así como a quen desexe ampliar información sobre a campaña. Para iso, poden contactar a través de WhatsApp no número 615 828 762.

Todo o material recollido será destinado a familias en situación de necesidade da zona, así como ás entidades sociais Cáritas e Cruz Vermella, co obxectivo de contribuír a que estas festas sexan un pouco máis levadeiras para quen máis o precisa. A asociación anima á participación da veciñanza e destaca a importancia de pequenos xestos solidarios que, sumados, teñen un grande impacto social.

⚙ Configurar cookies
0.075953006744385