A A-8 terá cortes en Ribadeo pola renovación do firme entre os km 508 e 516

AMariñaXa
Transportes inicia intervencións entre os quilómetros 508 e 516, cun desvío sinalizado pola N-634
a8-rehabilitacion-firme-estrada-2025
23 Nov 2025

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable continúa coa execución do plan de conservación e mantemento en varios tramos das estradas estatais da provincia de Lugo. Estas actuacións, cun investimento global de 12,18 millóns de euros (IVE incluído), forman parte do contrato destinado á mellora preventiva e ao mantemento da Rede de Estradas do Estado en Galicia.

Neste marco, a partir da próxima semana iniciaranse os traballos de mellora do firme na calzada esquerda da autovía A-8, no sentido Oviedo, entre os km 508 e 516, ao seu paso polo municipio de Ribadeo.

Co obxectivo de garantir a seguridade tanto dos traballadores como das persoas usuarias, quedará cortada a calzada esquerda da A-8 no treito afectado durante os seguintes períodos:

O corte aplicarase do 24 ao 27 de novembro entre as 08:00 e as 20:00 horas e o día 28 entre as 08:00 e as 13:00. A duración final das intervencións poderá modificarse en función das condicións meteorolóxicas.

Para manter a fluidez do tráfico, habilitarase un itinerario alternativo sinalizado pola N-634, que se tomará desde a saída 516 (Reinante – Rinlo) para volver incorporarse á autovía no km 508 (Ribadeo – Polígono). En sentido Lugo, a circulación manterase con normalidade e non sufrirá alteracións.

⚙ Configurar cookies
0.038794994354248