A 15K A Mariña volve con forza entre Foz e Burela cunha nova edición solidaria

A comarca da Mariña prepárase para acoller a sétima edición da 15K A Mariña Banco Mediolanum, unha cita xa consolidada no calendario deportivo da zona que este ano se celebrará o domingo 15 de xuño. A presentación oficial do evento tivo lugar no Hotel OCA Praia de Foz e contou coa participación do alcalde focense, Francisco Cajoto, así como cos concelleiros de Deportes de Foz e Burela, Ángel Fernández e Carlos Méndez. No acto estiveron tamén presentes varios family bankers do Banco Mediolanum, principal patrocinador da proba.
O evento, que une os municipios de Foz e Burela cun percorrido de 15 quilómetros, ofrece dúas modalidades: carreira a pé e andaina. A saída da carreira está prevista para as 10:00 horas desde a praia de Llas (Foz), mentres que a andaina comezará unha hora máis tarde, ás 11:00 horas.
Como vén sendo habitual, a organización facilitará un servizo de autobuses gratuítos para os participantes, co obxectivo de garantir a comodidade nos desprazamentos tanto ao punto de saída como de chegada. Ademais, a festa deportiva incluirá tamén as tradicionais carreiras para menores, que se celebrarán durante a mañá fronte ao Concello de Burela, ofrecendo así unha xornada completa de deporte e convivencia para todas as idades.
Este ano, o carácter solidario da proba vese reforzado grazas á colaboración coa Fundación Mediolanum. A través do seu programa Mediolanum Aproxima, doaranse 1 euro por cada inscrición á Asociación Española contra o Cancro. Tamén se habilitou unha “fila cero” na plataforma Mi grano de arena para que todas aquelas persoas que non poidan asistir pero desexen colaborar teñan a oportunidade de facelo.
As inscricións permanecerán abertas ata o mércores 11 de xuño ás 23:59 horas a través da web oficial do evento: bancomediolanum15kseries.es.
Desde o Concello de Foz, o concelleiro de Deportes, Ángel Fernández Neira, destacou que esta carreira é “unha ocasión perfecta para practicar deporte mentres desfrutamos da paisaxe privilexiada que une Foz e Burela”. Tamén quixo agradecer ao Banco Mediolanum o seu apoio: “É un orgullo contar un ano máis cun percorrido tan espectacular e cun patrocinador que aposta por iniciativas deportivas e solidarias como esta”.