O Mercado Medieval mindoniense adaptarase ás circunstancias sanitarias

AMariñaXa
Mondoñedo modifica por este ano algúns aspectos da normativa que regula o Mercado Medieval para adaptala ás actuais circunstancias sanitarias
mercado medieval mondonedo
11 Xul 2021

No vindeiro Pleno de Mondoñedo presentarase unha proposta de cambios na organización da próxima edición da Feira Medieval, a celebrar en agosto, co fin de adaptala as esixencias do actual momento na crise sanitaria provocada pola covid-19.

Unha destas medidas é programar o seu desenvolvemento en dous (ao sumo, tres) espazos e con menor número de actuacións con respecto a edicións anteriores.

O programa está adaptado as actuais condicións sanitarias e foi consensuado coa asociación Pasatempo e coa oposición municipal, neste último caso na reunión celebrada pola xunta de voceiros a pasada semana. Na organización da Feira respectaranse escrupulosamente as medidas sanitarias preventivas fronte aos contaxios por covid-19.

Segundo a citada proposta, a Praza da Catedral, debidamente ambientada para a ocasión, será o escenario das actuacións. A Praza do Seminario estará dedicada á venda de produtos ecolóxicos e artesáns. O goberno municipal baralla unha terceira ubicación para os postos, que estarían nun lateral da Rúa da Fonte; esta cuestión está supeditada o ditame do Plan de Continxencia Externo, elaborado pola empresa de prevencións de riscos do Concello.

En relación coa Praza do Seminario, este ano suprimiranse algunhas disposicións da normativa pola que se rexe o mercado medieval. As disposicións que cambiarán son as que se indican seguidamente.

A adxudicación farase por orde de entrada, dando preferencia á territorialidade, é dicir, municipio, provincia e comunidade autónoma; nesta orde. O pago efectuarase a través da conta de recadación do Concello, sen fianza, cunha declaración xurada e con base na ordenanza fiscal número 13.

Todas as demais disposición recollidas nas normas serán de obrigado cumprimento. A montaxe dos postos efectuarase o venres, día 13, dende as 15.00 horas ás 19.00 horas.

Segundo a programación previsto tanto o sábado (14 de agosto) como o domingo (15) haberá ao longo de todo o día numerosas actuacións de rúa. Participarán os seguintes grupos de animación e música de rúa: Camiñantes Brancos, Os Diaños, As Árbores, Himnodium, o Gran Dragón, Odaiko y Á Brasa. Tamén haberá circo de rúa con Circadas, Dosequilibrados, Perruseta e Ojaldrino.

0.1617968082428