Alfoz acolle unha xornada de promoción e desenvolvemento sustentable da Reserva da Biosfera Terra do Miño
O salón de actos da casa da cultura acolle o vindeiro sábado 15 de abril, de 10.30 a 13.30 horas, unha xornada de promoción e desenvolvemento sustentable da Reserva Terra do Miño. O monte como sumidoiro de carbono e agrocompostaxe.
Neste curso tratarase sobre as oportunidades do sector forestal para explotar o monte como sumidoiro de carbono. Será unha xornada con expertos do sector forestal e medio ambiente para coñecer a alternativa de aproveitamento do monte como “secuestrador de carbono”.
Os obxectivos son os de contribuir a un modelo territorial que teña en conta a potencialidade do territorio analizando a súa capacidade de acollida para os distintos usos. Combater o fenómeno do cambio climático, para o que se propón afondar nas súas evidencias en Galicia e actuar decididamente nos sectores que contribuen ás emisións de gases de efecto invernadoiro...
Os sábados 22 e 29 de abril será o curso teórico práctico, de 10.30 a 13.30 horas, que engloban as oportunidades e prácticas da agrocompostaxe como estratexia de desenvolvemento e diversificación rural.
Dirixido a titulares de explotación agrícolas e gandeiras, estudantes e perfís técnicos relacionados e aberto ao público en xeral. Impartido por expertos en economía circular de recoñecido prestixio e experiencia acreditada.
Neste curso introduciranse os retos da xestión de residuos e a oportunidade da agrocompostaxe, a economía circular aplicada no sector e as súas repercusións. Coñecer o enforque social, ambiental e económico que proporciona a economía circular no municipio.
As persoas interesadas en participar nas actividades formativas, gratuítas, poden poñerse en contacto no teléfono 982 558 001 do Concello de Alfoz.