Renóvanse dúas embarcacións da frota de gardacostas

AMariñaXa
Galicia acumula un investimento de máis de 12 millóns de euros na renovación parcial da frota de gardacostas ao licitar un novo contrato
gardacostas
23 May 2021

A Xunta avanza na renovación parcial da frota do Servizo de Gardacostas de Galicia coa licitación dun novo contrato para a subministración de dúas patrulleiras lixeiras por importe de 2,2 millóns de euros. Estas dúas embarcacións -aptas para tarefas de inspección e vixilancia pesqueira, control e apoio á frota, colaboración en operacións de busca e salvamento marítimo e participación en actividades de loita contra a contaminación mariña- súmanse ás catro incorporadas ao servizo entre 2019 e 2020 por importe de 3,7 millóns de euros e á embarcación de gran porte que está en construción nestes momentos por importe de 6,5 millóns de euros.

Deste xeito, Galicia leva investidos máis de 12 millóns de euros na mellora dos medios do servizo co obxectivo de optimizar a loita contra o furtivismo e a contaminación mariña así como para mellorar a busca e o salvamento nas súas costas. Así o reflicte un informe que foi analizado hoxe polo Consello da Xunta e que demostra que o Servizo de Gardacostas de Galicia é unha das apostas blindadas da Consellería do Mar mediante a renovación e mellora constante dos seus medios.  

O orzamento de licitación do contrato ascende a 2,2 millóns de euros (IVE incluído) e está cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

O anuncio xa foi publicado no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) e as empresas interesadas poden presentar ofertas ata o próximo 7 de xuño. 

O prazo de execución do contrato será de doce meses contados a partir da data de sinatura e formalización do acordo establecéndose que a entrega da primeira patrulleira se producirá aos oito meses da sinatura, probablemente a comezos de 2022, e a segunda cando se cumpran os 12 meses da adxudicación.

As embarcacións deben ser de tipo monocasco e terán un acabado do máis alto nivel de calidade para os barcos profesionais desta clase. A súa eslora será de entre 15 e 17 metros, a súa manga de entre 4,5 e 5 metros e o seu calado medio de entre 0,9 e 1,4 metros. A súa velocidade máxima con desprazamento a plena carga debe ser de, polo menos, 28 nós. A súa autonomía acadará preto das 400 millas, o equivalente a arredor de 22 horas de navegación.

Renovación parcial

A licitación deste contrato enmárcase no proceso de renovación e modernización parcial da frota do Servizo de Gardacostas de Galicia e trala súa execución terán entrado en servizo sete unidades novas. As catro primeiras xa están operativas -a Punta Promontoiro en Celeiro, a Punta da Guía en Vigo, a Punta Falcoeiro en Ribeira e a Seixo Branco na Coruña- mentres que a embarcación de gran porte que substituirá á Paio Gómez Chariño está previsto que sexa entregada nos vindeiros meses. A estas cinco unidades sumaranse a partir do próximo ano as dúas que se licitan agora para a súa subministración.   

gardacostas 1

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.13721299171448