Continúa online o programa ribadense Aquí?... como de 20
O programa Aquí?... como de 20! tivo que adaptase ás circunstancias actuais. Despois de 8 anos de existencia segue vivo teletraballando e co curso por correo.
Desde a Concellaría de Igualdade subliñan que “o programa Aquí?... como de 20! púxose en marcha no ano 2013 por parte do Concello de Ribadeo co obxecto de dinamizar e dar vida á poboación asentada nas parroquias fortalecendo os nexos de unión e encamiñando o ocio activo a unha democratización do seu tempo de lecer”.
E engaden que “foi aumentando progresivamente o número de persoas participantes e a diversidade de actividades que se desenvolveron ao longo dos anos. Coa pandemia houbo que interromper a actividade presencial, pero o programa permaneceu vivo adaptándose ás novas circunstancias. Por iso, queremos difundir estas palabras que nos chegan das persoas que forman parte deste programa, porque a vida continúa e hai que manter viva a ilusión por seguir sendo persoas activas e que se coidan”.
Os participantes nesta iniciativa reflexionan: “xa pasou máis dun ano dende que as nosas vidas quedaron paralizadas por mor do covid, tivemos que deixar de xuntarnos nas escolas e tele clubs, nas que o temos pasado tan ben, xogando as partidas, facendo as celebracións de aniversarios e festas varias, cantando, bailando, facendo as nosas actividades para ter en forma tanto o corpo coma a mente”.
E seguen a lembrar: “as nosas Tardes e Mañás de Lecer, o Movemento Activo, as excursións culturais, as xuntanzas interparroquiais,... todo quedou adiado sine die, máis nós buscámoslle a volta teletraballando ou, mellor dito, traballando por correo. Temos o noso punto de recollida en Multitenda Teresa dos libretos de actividades que o Concello de Ribadeo nos proporciona de xeito gratuíto e que deixamos no mesmo lugar para que sexan corrixidos, seguimos todos os acontecementos, festividades, aniversarios, recados, ... vía whatsapp, chamadas, recados,... inda non sabemos cando nos imos volver a xuntar, mais seguimos unidos/as na distancia”.
E rematan indicando: “coidamos que xa queda pouco para poder volver a xuntarnos e festexar, como se merece e sabemos, todo o que quedou pendente. As vacinas están a ser postas, e seguimos mantendo as medidas de seguridade, somos persoas que vivimos moitas cousas ao longo da nosa vida e que aprendemos a ter paciencia, saber esperar e adaptarnos ao que nos chegaba. Polo tanto seguimos resistindo e mantendo a esperanza”.