69 prazas en cincos proxectos de FP dual na Mariña lucense
O director xeral de Formación Profesional, Jose Luis Mira, destacou a nova oferta de ciclos formativos para a comarca da Mariña lucense que, con 69 prazas novas en FP Dual, “supón unha gran oportunidade para o acceso ao mercado laboral dos máis novos”, indicou. A este respecto lembrou que no recente estudo de Inserción Laboral, “a taxa de inserción do alumnado de FP é dun 84,6%, que se incrementa no caso dos titulados en FP Dual ao 96,8%, é dicir, plena empregabilidade”.
Nesta comarca abren matrícula un total de cinco proxectos de FP Dual. Dous deles, o de Mecatrónica industrial, no instituto Perdouro de Burela, e o de Instalacións eléctricas e automáticas, no CIFP Porta da Auga de Ribadeo, son novos respecto ao presente curso.
A relación de ciclos de FP Dual que abren a matrícula para o curso 2022/23 na Mariña é a seguinte: no IES Perdouro de Burela será o CS Mecatrónica industrial e haberá 13 prazas, no IES de Foz haberá o CS Dirección de cociña con 12 prazas e o CS Dirección de servizos de restauración con 20, e xa por último no CIFP Porta da Auga haberá 12 prazas para o CM Instalacións eléctricas e automáticas e outras 12 para o CM Aproveitamento e conservación do medio natural no CFEA Pedro Murias.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou o modelo galego de FP, “un modelo sólido, cunha oferta diversificada e vinculada ao territorio, que nos últimos anos se ten caracterizado por lograr consolidar proxectos modernos e innovadores e por avanzar nunha FP que é útil, tanto para a formación das persoas como para o desenvolvemento da sociedade galega”, dixo.
“Estes avances son froito do traballo exemplar do profesorado de FP, dos directores dos centros que imparten estas ensinanzas, dos dinamizadores de FP, das empresas colaboradoras e, por suposto, do alumnado, que amosa día a día o seu talento”, engadiu.