Eliminarán en Mondoñedo un punto de feísmo
O Concello de Mondoñedo aprobou en Xunta de Goberno iniciar o expediente para eliminar o punto de feísmo situado entre o camiño de Río de Sixto e a rúa de Rigueira.
Concretamente, a través desta iniciativa actuarase no espazo comprendido na zona indicada. Hoxe este terreo está cuberto de maleza, ata o punto de que as dúas fincas que conforman este espazo foron medidas conxuntamente, porque era imposible apreciar a divisoria entre as dúas, que pertencen a un mesmo propietario. Ambas colindan con vías públicas e teñen peches de pedra e formigón prefabricado en case todo o seu perímetro.
"Ademais da mellora que suporá esta intervención no terreo puramente urbanístico, tamén mellorará a seguridade nesta parte da cidade. Quedará así adecentado un tramo do viario urbano que forma parte do itinerario do Camiño Norte", din dende o Concello.
O goberno municipal destaca que, “certamente, esa zona ten especial interese para nós, que asumimos ao inicio deste mandato o compromiso de erradicar elementos deste tipo e habilitar espazos que incomodan e incluso poden ser inseguros”.