42 parcelas para os hortos urbanos de Burela sortearanse o día 6
O vindeiro mércores, 6 de abril, ás 19:30 horas no salón de plenos do Concello burelés terá lugar unha xuntanza coas persoas usuarias dos hortos urbanos. No encontro estarán presentes técnicos expertos na materia. Ese día tamén se sortearán as 42 parcelas deste proxecto, segundo anunciou no día de hoxe o alcalde, Alfredo Llano.
O rexedor dixo que “xa estamos moi cerca de poder entregar as hortas urbanas aos seus usuarios. Polo tanto vamos facer unha reunión o día 6 de abril, que é o próximo mércores, ás sete e media da tarde no salón de plenos do Concello de Burela. Van vir dous técnicos expertos en hortas urbanas para dar unha especie de obradoiro de cómo se cultiva, información válida para os que non teñan moita experiencia neste tipo de actividades”. Llano indicou que “ese mesmo día vamos sortear as 42 parcelas entre os que están anotados. Tamén vamos entregarlles un regulamento básico porque queremos que se fagan as cousas o mellor posible, sempre atendendo ao medio ambiente. Por tanto non queremos que se empreguen produtos abrasivos para abonar ou para regar senón que se faga todo defendendo sempre o tratamento ecolóxico pois iso é o que queremos poñer como valor porque realmente do que se trata é de valorar as hortas como un medio a recuperar para ter produtos frescos e de calidade, e ademais en proximidade”.
O alcalde manifestou que “xa se están enviando comunicacións a través dos correos electrónicos a todos os usuarios e usuarias para que o día 6 ás 19:30 horas acudan ao Concello e empezar a actividade nas hortas”.
EDAR
Alfredo Llano subliñou que “recibimos con agrado unha boa nova que xa levábamos tempo agardando sobre a obra complementaria da Edar de Burela, que queremos que se faga realidade o antes posible dado que é o moita a necesidade que temos de substituír a actual depuradora para poñer unha nova, pero para iso necesítase facer unha obra complementaria do colector xeral. Esta obra vai asumila a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o único que temos que facer desde o Concello é solicitar formalmente esa axuda para que poida aportar eses 5,2 millóns de euros que fan falta para acometer esa obra singular, importantísima e claramente definitoria do que vai ser a calidade da nova Edar. Estes colectores levan unha fórmula extraordinaria para enviar todas as augas residuais á nova Edar e por tanto vai substituír ao entramado que hai agora de colectores”.
O alcalde de Burela engadiu: “entendemos que se vai iniciar o antes posible, en pouco tempo o Consello da Xunta aprobará esta obra, que terá unha duración máxima de 15 meses”.