40 traballadores formáronse nos seis obradoiros de emprego da Mariña que remataron
Clausuráronse dous obradoiros de emprego que se desenvolveron en seis concellos da Mariña durante os últimos doce meses. Foron financiados pola Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade con 1.011.000 euros.
Nestas actividades formáronse un total de 40 alumnos traballadores que durante todo o ano de duración tiveron acceso a un contrato laboral.
Os obradoiros que finalizan son Serra da Cadeira VII, promovido polo Concello de Lourenzá asociado cos de Barreiros e Trabada; así como Sendas de Burela, Cervo e Xove IX, impulsado por Cervo en colaboración con Burela e Xove. O primeiro impartiu a especialidade de Aproveitamentos forestais; e o segundo tres módulos centrados na construción, a xardinería e a conservación e mellora de montes.
“A vantaxe deste sistema é que os participantes aprenden as materias desde un enfoque teórico e práctico”, dixo Javier Arias, delegado territorial da Xunta en Lugo, “o que lles permite adquirir unha experiencia moi valorada polas empresas á hora de buscar traballo”. Ademais, realizan obras e servizos de interese público nos concellos nos que se desenvolven.
“A partir de agora”, apuntou, os alumnos e alumnas “están mellor preparados para atopar un emprego ou para explorar outras vías de inserción laboral como o emprendemento”. Nese sentido, subliñou que aquelas persoas que decidan montar un negocio “contan co apoio da Xunta desde o principio”. Animou aos emprendedores mariñáns a buscar a información e asesoramento que precisen na Rede de polos de emprendemento que está a poñer en marcha o Goberno galego. Na provincia hai catro oficinas en activo, unha delas na Mariña, situada no concello Mondoñedo.