30 axentes turísticos e alumnos coñeceron Sistema de Calidad Turística en Destino da Mariña
Tivo lugar no salón de actos do Cenima, en Foz, a presentación do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) na Mariña Lucense. Ao acto asistiron unha trintena de axentes turísticos e tamén alumnos e alumnas de FP de Hostalería do IES de Foz que se interesaron en coñecer máis acerca deste selo de calidade no que é probable que nun futuro laboral próximo teñan que participar.
Fran Cajoto, presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, contou que “este encontro marca o punto de inicio no calendario dun proxecto que permitirá certificar ás empresas do destino interesadas na mellora continua da calidade no servizo, favorecendo a calidade no conxunto do territorio”.
A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense inicia así o proceso de implantación do SICTED na Mariña Lucense, ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística, cofinanciado pola propia Mancomunidade coa colaboración da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. Este selo permitirá aos distintos axentes que o implanten sumar puntuación de cara a posibles subvencións que desexen solicitar.
Tania Hermida, xerente do Plan de Sostibilidade Turística da Mariña Lucense, explicou que “a través deste plan, que é completamente gratuíto para as empresas, a Mancomunidade pretende non só axudar a introducir ferramentas de xestión nas empresas, senón tamén impulsar accións integradas a longo prazo para reforzar os negocios, analizar os niveis de satisfacción dos usuarios, sumar valor aos esforzos das empresas mellorando a calidade, introducir a variable ambiental e social na xestión das mesmas e tamén especialmente mellorar e reforzar a coordinación e o traballo en equipo para alcanzar unha conciencia global do destino”.
A esta reunión convidáronse especificamente a empresas de aloxamento, restauración, turismo activo, guías de turismo, así como persoal das oficinas de turismo e dos museos, que formarán parte do proxecto nesta primeira fase de implantación durante o ano 2023, para en próximas anualidades continuar incluíndo outros recursos e actividades así como aqueles oficios que interactúan directamente co turista sen chegar a ser tradicionalmente turísticos: comercio, taxis e outros.
Hermida indicou que “tras este encontro, iniciaranse os seminarios de formación e as asistencias técnicas colectivas e individuais ata chegar ás avaliacións e a obtención do selo de Compromiso de Calidade Turística que recoñecerá o esforzo dos axentes participantes. Neste contexto crease tamén a Mesa de Calidade, unha canle de comunicación e coordinación formal coas empresas do sector turístico que favoreza a colaboración público-privada e onde se traballará conxuntamente para mellorar a satisfacción dos visitantes”.
Cajoto Caserío subliñou que “o PTS na Mariña Lucense persigue potenciar o turismo en todas as vertentes da sostibilidade: económicas, socioculturais e medio ambientais, e así garantir o desenvolvemento dun modelo sostible e rendible para un destino con visión a longo prazo. O SICTED é unha ferramenta axeitada para colaborar na consecución deste obxectivo, xa que permite aglutinar ao conxunto da oferta turística do destino e traballar en beneficio da calidade dos servizos”.
As entidades interesadas en coñecer e participar do SICTED, poden poñerse en contacto co Servizo de Turismo da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense no 659 293 663 ou no correo info.turismo@amarinalucense.gal.